María Xesús Blanco presidirá unha directiva de Barbantia amplamente feminina
BARBANZA
Medio cento de socios déronlle o seu apoio unánime á nova dirixente, que colle o relevo de Manuel Cartea
28 ene 2023 . Actualizado a las 11:43 h.A xunta directiva da Asociación Cultural Barbantia vai ter unha ampla maioría feminina despois de que na tarde do venres se celebrasen eleccións á presidencia ao cumprirse os seis anos regulamentarios ocupando o cargo Manuel Cartea Gómez. Toma o relevo María Xesús Blanco López, que xa era vicepresidenta no equipo de Cartea.
Os cerca de medio cento de socios que acudiron á asemblea deron o apoio unánime á nova dirixente e á súa xunta, cuxos cargos estarán ocupados maioritariamente por mulleres: Isabel Santos Davila será vicepresidenta primeira; Encarna Pego Paz, vicepresidenta segunda; Milagros Torrado Cespón, secretaria; Daniela Martínez Somoza, tesoureira; María Pilar Sampedro Martínez, Manuel Cartea Gómez, Antón Riveiro Coello, Manuel Mariño del Río, Xosé Ricardo Losada, Xesús Laíño, Teresa Villaverde, Adolfo Muíños e Lola Arxóns, vogais.
O presidente saínte, Manuel Cartea, tivo unhas palabras de despedida nas que dixo que fóra para el unha honra estar á fronte da asociación os últimos seis anos, collendo a testemuña de Xesús Laíño, despois de que este lla collera ao fundador, Antón Riveiro Coello.
Temas aprobados
Durante a asemblea, aprobáronse as contas do ano 2022, os orzamentos para o 2023, así como as actividades desenvolvidas no último exercicio, caracterizado por unha intensa volta á normalidade na que a entidade recobrou o pulso a base da organización de todo tipo de actos, a maioría presentacións de libros de autores barbanceses e foráneos que ven en Barbantia unha palestra para dar a coñecer as súas obras. Así mesmo, citouse o suplemento mensual A Voz de Barbantia, que hoxe acada o número 181; o Anuario de Estudos do Barbantia, a celebración dos premios Sereo da Cultura e a participación en actos en colaboración con concellos e outras entidades homólogas.
No que se refire á previsión de actos para o ano en curso, o primeiro dos cales celebrouse o venres en Rianxo, deuse a coñecer que o 24 de febreiro desenvolverase en Boiro o Día de Rosalía, que incluirá a presentación do libro Enser, de Marcos Lorenzo. En marzo, preténdese que vexa a luz o oitavo recompilatorio de A Voz de Barbantia, e presentarase un poemario de Ricardo Seixo Fernández. En abril, o socio de Barbantia Manel Monteagudo dará a coñecer O afago da brisa do mar, en Rianxo.
Por outra banda, informouse de que quedan pendentes as presentacións dos libros Un manifesto urxente, de Correa Corredoira; Unha tirada de dados, tradución da obra de Mallarmé a cargo de Manuel Cartea; Donos de seu. Loitas, arelas e froitos da xente do mar de Porto do Son, de José Manuel Vázquez Lijó, entre outros.
En canto ao acto de entrega dos premios Sereos da Cultura, a edición de este ano quedou fixada para se celebrar en Noia o 16 de decembro, no que se presenta o anuario.