
Varios concellos da comarca renderán homenaxe á escritora galega
21 feb 2023 . Actualizado a las 10:25 h.O próximo 23 de febreiro fai 186 que naceu Rosalía de Castro. Insignia da literatura galega e o feminismo, a autora segue espertando o interese e o agarimo dentro e fóra de Galicia case dous séculos despois. Os concellos de Barbanza non perden a oportunidade de render homenaxe á escritora, celebrando a supervivencia do seu legado.
No concello de Outes, Rosalía pasará a formar parte da paisaxe da vila a través da arte. Os rapaces do colexio pintarán un mural coa súa figura na praza de Galicia. Ademais, os veciños que acudan á biblioteca municipal poderán levar de balde un libro en galego e unha flor. Da mesma maneira, os restaurantes e bares da zona ofrecerán aos seus clientes a posibilidade de lembrar a Rosalía a través do padal, coa degustación de caldos de gloria inspirados no poema Miña casiña, meu lar.
Lectura de textos
Os versos tamén formarán parte da homenaxe á autora galega en Carnota. Todos os veciños do municipio poderán achegarse á praza de Galicia para ler os textos da santiaguesa que desexen ou aqueles que se encontren dispoñibles no acto. A lectura farase a partir das 11.30 horas diante da libraría Chorima e todos os que se animen a recitar en público obterán unha bolsa de tea conmemorativa.
As celebracións continuarán o 28 de febreiro nos centros escolares, onde o alumando do CEIP de Carnota e do CEIP do Pindo coñecerá a figura de Rosalía grazas ao espectáculo Figueiriñas que prantei.
Os veciños de Boiro tamén poderán escoitar de viva voz as historias da escritora, que serán narradas polas autoras Ana Lojo, Etna W. Crush e Anxos Parada no centro social municipal. O 24 de febreiro, será a casa da cultura boirense a que acolla a nenos de entre 6 e 10 anos que gozarán dun contacontos e dous obradoiros, un de acrósticos e outro de marcapáxinas.
O día 1 de abril os veciños da localidade poderán participar, polo prezo de 45 euros, nunha visita teatralizada polos lugares históricos relacionados coa autora galega, como o Banquete de Conxo ou o Panteón dos Galegos Ilustres, entre outros.