Cando a terra treme

JOSE LIRES

BARBANZA

CEDIDA

Os terremotos non matan as persoas, son os edificios

25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribo co pulso acelerado ao ditado dun corazón encollido. Mentres os caracteres flúen obedientes enchendo o baleiro da pantalla, a nova doutra sacudida feroz interrompe a procesionaria de letras. No estudo arremuíñanse mapas e publicacións sobre a xeoloxía do Oriente Próximo. É o tema de actualidade. Ás poucas horas dos terremotos en Turquía, os compañeiros da facultade xa estaban a enviar rexistros das estacións sísmicas espalladas polo norte peninsular. Os fíos de tinta, desbocados seguindo un patrón en zigzag sobre a liña temporal, constatan a magnitude do suceso. As ondas tardaron oito minutos en chegar e seguíronse a recibir durante outros trinta minutos. Despois virán as grandes cifras: longos números redondos, asépticos, e sempre difíciles de asimilar.

Habitamos un planeta inquieto. El mesmo se encarga periodicamente de nolo recordar. Malia a crúa realidade, e parecendo unha macabra contradición, a vida tal e como a coñecemos débelle a súa existencia e continuidade á axitación dese sistema quebrado de inmensas porcións de rocha sólida empurrándose e rozándose entre si, que conforman a codia terrestre.

A tectónica de placas como actualización da teoría da deriva dos continentes, abrollou entre a comunidade científica hai un tempo relativamente recente en comparación coa evolución do coñecemento noutros ámbitos. Moito se tardou en interpretar estes procesos que actúan na Terra dende hai máis de 3.600 millóns de anos exercendo un control esencial sobre os gases reguladores do clima, intervindo no ciclo longo do carbono, e mantendo os niveis de osíxeno da atmosfera aptos para a vida. Pero as friccións, choques ou afundimentos dunhas placas sobre as outras provocan a acumulación de esforzos nos seus bordos.

Chegado o momento, a codia rómpese liberando repentinamente a enerxía e dando lugar a un terremoto. Canto máis próximo se sitúe o punto de rotura (hipocentro) respecto á superficie, maior dano provocará. Sorprende que as características que fan da Terra un planeta apto para a vida son precisamente as mesmas que o converten en perigoso.

Setenta todos os anos

O paleontólogo inglés Derek V. Ager (1923-1993) sentenciou que «a historia de calquera parte da Terra, como a vida dun soldado, consiste en longos períodos de aburrimento e breves momentos de terror». Contabilízanse uns setenta terremotos de gran magnitude todos os anos, algúns deles, por producirse en zonas moi poboadas, deixan tras de si un regueiro de vítimas e destrución considerables. Aquí tamén existe un factor determinante no alcance dos danos: os países menos desenvoltos son máis vulnerables ante estes desastres naturais. As construcións, exentas de calquera medida resistente ante as aceleracións bruscas do terreo, colapsan xerando paisaxes caóticas e ruinosas. Certamente, os terremotos non matan as persoas, son os edificios.

Así as cousas, na medida en que os sismólogos se afanan en identificar precursores sísmicos para o deseño dun sistema eficaz de detección e alerta previa, os poderes públicos deberían velar polo cumprimento das normas, na procura de mellorar, cando menos, a resiliencia das cidades. Xogamos con boa parte das cartas marcadas e, pese a todo, perdemos as partidas.