A función para a que construíron os hórreos xa non existe na maior parte dos casos. Almacenar millo só é posible nas casas labregas. Ao contrario do que sucede noutras rexións de graneiros, en Galicia apenas se cultiva o cereal, polo que se volve inútil só para esa función, pero non deixa de ser un almacén, un rocho, un galpón elegante e protexido por Patrimonio.
Cando algo non funciona, os dirixentes galegos ven só a saída turística. Xa hai casos nos que se transformaron hórreos en cuartos para turistas ou salas para ver o mar. Non é un uso incompatible, pero son impropias as formas, na maior parte dos casos. Asturias —que nos dá exemplo moitas veces— acaba de aprobar o uso turístico dos seus hórreos, pero con condicionantes. O primeiro é que só pode haber dous hórreos por parcela destinados a ese uso, evitando o fetichismo turístico e as aglomeracións, como agora vemos nas cabanas. Pero hai unha condición máis importante: os hórreos teñen que manter os materiais tradicionais, sen engadidos. Non será posible pechar os hórreos con cristal, nin empregar o aluminio, as cerámicas e eses materiais que nunca se empregaron. Tampouco se poden poñer varandas metálicas nin outros engadidos impropios. Debe manter a configuración orixinal, sen extravagancias.
Só así conseguiremos que pasen desapercibidos na paisaxe, no canto de ser chimpancés nunha gaiola. Pero un hórreo é o mellor lugar para secar a roupa, porque está ventilado e teitado, ou gardar unhas bicicletas, ou a leña, ou calquera outro elemento que se queira gardar.
Como sempre, debemos ter sentidiño e un plan.