A foto da candidatura

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Álvaro Ballesteros

27 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das cousas que me interesan máis das campañas electorais locais son as fotos da candidatura; ese día no que os partidos fan un destape local. En primeiro lugar, o morbo de ver con quen tiveron que contar para completar a lista, que sempre é máis difícil que gañar a quiniela. Máis alá das catro ou cinco caras coñecidas comeza unha miríada de veciños no que podes levar grandes sorpresa. «Pero esta familia era destes?», preguntará un amigo no bar. E comezará a rexouba de a ver de por que esa militancia e que favor se debe aí. Poucas cousas animan tanto un bar.

As fotos son tan faladoras como as persoas e permítennos ir vendo, a través de detalles, como vai cambiando a mercadotecnica política. Hai uns anos, a foto de candidatura facíase contra algún fondo de patrimonio: un hórreo, unha praza, un pazo. Hoxendía a pedra está en extinción e as fotos seguen máis o criterio das vodas: parque municipal con fondo un pouco desenfocado, pero o suficiente recoñecible como para saber que é no municipio.

Gústame ver posar á xente que non ten práctica. Parece incrible que algo aparentemente tan sinxelo como facer o cactus durante uns minutos custe tanto. Pois véselles incómodos, cun sorriso de circunstancias. Gústame tamén ver a roupa de domingo e o sobrepeso nos señores coa chaqueta boa de coiro.

Na política autonómica ou estatal, as barrigas felices con camisas a piques de chimpar do pantalón están penalizadas. Pero na política local subsisten con dignidade. Outro xeito de facer política.