Manuel Cartea achega o Mallarmé galego coa tradución do poema «Un coup de dés»
BARBANZA
Está considerada a orixe da poesía moderna e unha obra universal
29 abr 2023 . Actualizado a las 19:20 h.Segundo se puxo de manifesto e, posteriormente, se puido comprobar xa co libro na man, a poesía de Stéphane Mallarmé non se pode considerar doada, porque nin o propio autor quixo que o fose, xa que pretendía que o lector indagase tralas súas palabras, nos brancos da páxinas ou nos versos aparentemente desordenados. Sendo así, traducir ao galego unha obra tan complicada de ler semella un imposible, porén o fixo realidade Manuel Cartea co poema Un coup de dés (Unha tirada de dados), cualificado coma a orixe da poesía moderna.
En torno á obra, a ese poema, xira o libro de Cartea que se presentou no acto mensual da Asociación Cultural Barbantia, unha publicación que recolle o poema en francés e galego, un detallado e lúcido limiar de Román Arén (Xesús Laíño) sobre o autor francés e a súa obra, e un epílogo de Fidel Vidal titulado Un coup de dés, o infindo, a eternidade, no que asegura que o propio Mallarmé deixou dito que a súa intención era «pintar non a cousa, senón o efecto que produce», como clave para entender a súa poesía.
Abriu o acto Isabel Santos, vicepresidenta de Barbantia, referíndose ao libro de Cartea como unha «criatura ben apadriñada» polos tres mestres: Cartea, Laíño e Vidal, dos que fixo un perfil de cada un.
Aventura interior
Suso Laíño destacou a importancia de que a literatura dun país conte coas grandes obras universais traducidas: «Mallarmé en Ribeira, nada menos. A gran universalidade deste poeta, e non de calquera Mallarmé, senón o maior, o final, aquel que nos segue a interrogar, a desacougar, a enlear ensarillándonos coa dificultade da súa proposta». Afirmou que coñecía medio centenar de interpretacións de Un coup de dés, que volveu a asegurar que non é doado. De Mallarmé explicou que era «home de aventura interior. As súas aventuras sempre son interiores. Sempre rexeitou para a poesía a facilidade, para a que reclama o misterio».
« Na obra de Mallarmé, a tradución ao galego é mellor que calquera outra tradución ao español»
Xa sobre o traballo de Cartea, apuntou que achega outro Mallarmé «o Mallarmé galego. Un luxo para o Barbanza e para a cultura galega. A Mallarmé marabillaríalle esta obra», rematou.
Pola súa banda, Fidel Vidal, psiquiatra, pintor e escritor, afirmou: «Temos a vantaxe de que en Galicia tradúcese mellor que en español. Na obra de Mallarmé, a tradución ao galego é mellor que calquera outra tradución ao español. Temos unha mina con Cartea e outros tradutores».
Vidal asegurou que o propio Mallarmé aconsellaba que cando un escribira un relato ou unha novela que unha vez terminada a cortase ao principio e ao final: «Sen principio nin fin, a eternidade, no senso de baleiro». Engadiu que o francés foi o gran autor «que nos da a posibilidade de xogar, no sentido dadaísta da palabra, de xogar coas palabras, que é como xogar co barro». Explicou que Un coup de dés é igual que dicir unha copa de deuses, un golpe de dados, un golpe de dous; destacou as páxinas dobres do poema e entrou na simboloxía dos números na obra, explicando que estivo buscando nela a cifra maldita.
«Morre dun espasmo cociñando uns espaguetes. Un xenio é capaz de morrer así»
O autor da tradución, Manuel Cartea, empezou sinalando que despois de Suso e Fidel pouco lle quedaba por dicir, «porque xa o dixen todo no libro, pero como me gusta tanto falar, non vos vou dar esa satisfacción». Contextualizou a Mallarmé na segunda metade do século XIX, «fundamental para as artes, a literatura», e contou que naceu no 1842 e morreu no 1898, subliñando un dato curioso: «Morre dun espasmo cociñando uns espaguetes. Un xenio é capaz de morrer así». Detallou así mesmo que pouco antes da súa morte pediu á súa filla e ao seu axudante que destruíran a súa obra, «como faría despois Kafka. A veces os fillos non obedecen aos pais, e ás veces fan moi ben».
Poeta maldito
Cartea explicou que Mallarmé foi un xenio incluído nos poetas malditos, «aínda que non o era. Era profesor de secundaria, de inglés. O único que puido levar a chamalo maldito foi porque morreulle a nai moi pronto, e a irmá… e a que a xenialidade crea illamento. Non foi antisocial, nin foi borracho, nin drogadicto, nin de amores tormentosos… non tiña que ser maldito, salvo que fose pola súa xenialidade».
Tamén foi chamado príncipe dos poetas, «por algo sería», e adiantouse ao futurismo, ao cubismo, ao dadaísmo, ao surrealismo e á actualidade, segundo Cartea, que engadiu: «Hoxe, aspectos que el creou, como o verso libre, están aquí. Hoxe non se fai poesía que no se faga en verso libro ou sen o xogo do espazo». Do libro, sinalou que é «enorme, visible, lexible e audible; literario, poético e teatral. Fala de cultura, de música, de canto, de danza. Hai performance, hai relixión, hai política, hai filosofía e hai siqueanálise. É un texto sinfónico, fotográfico e mesmo litográfico».
Pechou o acto a concelleira María José Sampedro. Lembrou que a de Cartea era a terceira tradución que se presentaba no Lustres Rivas este ano e agradeceu a asistencia: «Hoxe desfrutamos desta bonita conversa. Aprendemos, e ao final temos que quedarnos con iso, co pouso que deixa».