Cousas colectivas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

02 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña participación no equipo que deseña o novo plan nacional de rehabilitación reafírmame a España de dúas velocidades dentro dunha Europa de dúas velocidades. Vendo o que se está facendo en Cataluña, Madrid ou País Vasco respecto da redución de emisións, vexo que non nos queda outra que ir arrastro deles, con gran distancia.

Aquí apenas escoitamos falar do autoconsumo individual, coa colocación de placas fotovoltaicas nas casas e edificios públicos, a contagotas, que me recorda cando xurdiron aquelas antenas parabólicas individuais para recibir imaxes de satélite, que hoxe recibimos a través da fibra. Cidades como Zaragoza ou Valladolid xa teñen redes públicas de calefacción, alimentadas por biomasa, que evitan ter caldeiras individuais, pero tampouco instalan xa placas fotovoltaicas individuais para obter enerxía solar.

As cidades máis avanzadas na materia están creando hortas solares municipais, nas que instalan as placas para todos os veciños, autoxestionando a enerxía solar e transmitíndolla a cada unha das casas, evitando esa trapallada que supón unha cidade chea de placas solares, que non harmonizan a paisaxe urbana. En Galicia teño visto ata instalar placas solares sobre os hórreos, algo que prohibe patrimonio, e así é como sempre andamos arrastro.

De feito, vaise propoñer ao ministerio que esixa que os plans urbanísticos (PXOM) que se aproben logo do verán teñan que incorporar polígonos solares para as vilas e cidades, así como unha avaliación enerxética de cada casa, así como normas de eficiencia enerxética, que xa establece unha directiva europea.