Aguiño celebrará o Día das Letras Galegas con inchables e actividades para os pequenos

Celia Riande García
C.Riande RIBEIRA

BARBANZA

Cedida

O próximo día dezasete estará enfocado en actividades para toda a familia

13 may 2023 . Actualizado a las 11:22 h.

Aguiño celebra un ano máis o maio cultural cunha cargada axenda de actividades para todos os membros da familia.

Para o próximo día 17, Día das Letras Galegas, a parroquia ribeirense ten preparado unha completa xornada para gozar cos máis pequenos desta celebración.

En concreto, será o conservatorio de Aguiño o que acolla unha xornada de debuxo, que se estenderá dende as 17.00 ata as 19.00 horas e na que poderán participar rapaces de dous a trece anos de idade, e que recibirán un agasallo polo simple feito de participar na actividade.

A programación continuará ás 19.15 horas, cando Peter Punk dará un espectáculo musical para toda a familia baixo o título de Peor Imposible! A cita contará ademais con diversos inchables no exterior do conservatorio, dispoñibles de xeito gratuíto para todos os nenos que queiran facer uso deles, e que estarán instalados de 16.30 a 19.00 horas.

Posibles variacións

Dependendo do tempo, a programación poderá sufrir leves alteracións, pudendo desprazarse as diversas actividades ao interior do conservatorio en caso de chuvia ou outras condicións meteorolóxicas adversas.

Ademais do obradoiro, inchables e actuación, haberá auga e refrescos de balde para os rapaces durante toda a xornada, e non é necesaria unha inscrición previa para participar en ningunha das actividades, que son completamente gratuítas para todos os que queiran achegarse á zona do conservatorio.