Amigo, artista

Unai González XESTOR CULTURAL DO CONCELLO DE RIBEIRA

BARBANZA

17 may 2023 . Actualizado a las 09:14 h.

Amiña relación con Ayaso comezou cando dirixín o Museo do Gravado de Artes no verán de 2004; organizamos unha mostra conxunta do artista e Costa e tras saber que eu era de Aguiño, colleume agarimo ata hoxe. Daquela vivía aínda en USA e quixo facer un debuxos para ilustrar un poemario meu, despois cada vez que viña a Galicia visitábame no auditorio, falabamos, facía algún debuxo e debullabamos futuros proxectos.

Cando en 2009, dende a asociación Francisco Lorenzo Mariño decidimos nomealo Aguiñés das Artes e socio de honra da entidade, a relación estreitouse aínda máis e xa pasou a ser un amigo co que falar e co que calquera tempo compartido supuña un momento inesquecible.

Con Ayaso, Ribeira e Aguiño en particular e Galicia en xeral, souberon saldar unha débeda de recoñecemento e homenaxe, xa que foron quen de devolverlle parte do moito que el conseguiu levando o noso nome polo mundo adiante, un artista recoñecido a nivel internacional que sempre presumiu de aguiñés de nacemento e ribeirense de corazón.

Creador dun estilo único, propio, que algúns describirían con palabras altisonantes e cosmopolitas, expresionista, surrealista… mesturando pesadelos, soños, enfermidade, medos, costumes, soidade e outros sentimentos que se poden ler nas súas obras, identificables cunha soa mirada… Pero Ayaso foi o amante do sinxelo, dos cativos, da natureza, dos miserables, dos humildes… en definitiva, dos máis desfavorecidos ou maltratados e, na súa obra existía tamén a denuncia social, facendo garabatos dos poderosos e da súa influencia sobre a sociedade, pintando aos artistas do circo, monicreques, ao entroido, aos mariñeiros, ás mulleres, aos paxaros, ao mar, á flora… porque na súa obra, máis alá da tristura e o medo existe a loita contra a inxustiza e a esperanza de que o mundo avanza e o triunfo dos humildes, do pobo, da xente, imporase ao poder.

Ayaso foi un artista, un amigo, un aguiñés que sobrevivirá á morte pola súa arte, pero tamén pola súa personalidade, xenerosidade, humildade e paixón polo cotiá; pintar, dar un paseo, botar a partida, tomar un viño, ter unha conversa e amar aos seus, e por seus refírome a todas e cada unha das persoas que tivemos a fortuna de atopalo nesta vida. Adeus artista, boa singradura e de cando en vez debúxanos unha nube do ceo para saber que segues pintando no alén.