Soberanía

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

23 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

depreciado sistema minifundista que estrutura o territorio galego dende a Idade Media debémolo poñer en valor, sabendo que nos proporciona soberanía e independencia alimentaria. Tal e como di David Chipperfield, a estrutura agrícola galega é a mellor pensada do mundo, e na Unesco quérena poñer en práctica para solucionar a fame no mundo. Non debemos seguir pensando que o minifundio é un problema, todo o contrario. Pero nos últimos anos estamos vendo que se nos está botando a perder polo rexeitamento dos propios galegos, que foxen do rural e abandónano, tras 15 séculos de transmisión do coñecemento.

Non hai máis que ver como os polígonos eólicos están colonizando o noso territorio, empobrecéndoo, pero non debemos perder o ollo sobre os latifundios que se están creando. Empresas foráneas —tamén moitas galegas— estanse facendo con hectáreas de terra para plantar grandes extensións de viñedo e outros produtos, desfacendo camiños, corredoiras, cursos de auga e outros bens patrimoniais.

Á parte da perda patrimonial e paisaxística, convertendo a riqueza territorial en masas homoxéneas nada propias de Galicia, estamos entregando esas terras a empresas que establecen as súas propias normas, os seus propios prezos, e os seus propios códigos.

Cando todo o territorio galego estea colonizado polas empresas, moitas delas multinacionais ou oligopolios propios, perderemos a soberanía alimentaria, os produtos de proximidade, a identidade. Laiarémonos por depender dos oligopolios alimentarios, pero a culpa é nosa por non buscar unha alternativa, por non manter a independencia.