Premiados tres proxectos de institutos da comarca nunha animada final do festival Olloboi
BARBANZA
A cita contou cunha paella para compartir cos veciños e unha foliada
27 may 2023 . Actualizado a las 19:36 h.Logo das actividades realizadas ao longo da semana, con visitas de escolares ao pazo de Goiáns ou a exposición de fotografías sobre as pasadas edicións do concurso, a gala final do festival Olloboi foi a cita estrela desta fin de semana. A xornada comezou coa chamada Muchachada, unha actividade na que estudantes de distintos colexios visitaron nove localizacións de Cabo de Cruz escollidas pola asociación cultural Gamela onde, acompañados de cineastas como Luis Avilés o Zarauza, elaboraron pezas audiovisuais con perfís como redeiras ou mariñeiros como os principais protagonistas.
A gala deu comezo sobre as 18.00 horas na Abadía de San Enrique, sendo proxectadas as pezas audiovisuais nun acto que estivo conducido por Xurxo Souto e que, como indica a coordinadora Ana Moreiras, «foi unha festa criminal»: «Todo o mundo se puxo a cantar, a tocar o corno, e mesmo os da organización tivemos que regueifar».
Á hora da entrega dos galardóns, entre os que había categorías como a de Interpretación, de Videoimaxe, Guion ou Olloboi Peque, Ana Moreiras estima en 500 persoas as que acudiron a presenciar unha entrega que, como indica a coordinadora, estivo marcada polos alumnos do Manuel Villar Paramá, centro de A Estrada: «Montaron a gran festa, saíron nove a agradecer e eran moi simpáticos, moi faladores. Respirábase felicidade, era algo que comentaron varias persoas de por aí».
Unha vez finalizado o reparto de premios, procedeuse á xa tradicional paella, feita por veciños de Cabo de Cruz e que se repartiu entre máis de 400 veciños ao ritmo das cantareiras e celebrando unha foliada.
Este evento, máis alá da diversión para a xente moza e os veciños da zona supón, como indica Ana Moreiras, «unha oportunidade para facer cultura de cine. Hai chavales que xa son una boa canteira e botan unha man. Hai un sentimento de pobo, de comunidade e de lingua, porque a meirande parte das pezas eran cine en galego».