A derrota

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Entre as moitas cousas desagradables que che ten que tocar ver como político, a derrota non debe ser das pequenas

01 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as moitas cousas desagradables que che ten que tocar ver como político, a derrota non debe ser das pequenas. As eleccións municipais son un campo de batalla sen cuartel, e máis nos concellos con certo dinamismo. Neles hai sempre cambiantes ensaladas de partidos que fan que nada sexa seguro nin estable.

Unha das peores sensacións dese oficio debe ser o estupor ante a derrota. Traballas como un animal en concellos con plantillas precarias para veres como os electores non valoraron ese esforzo. De cara ao público, nas entrevistas nas que se dá conta do fracaso, o político resígnase á vontade popular. A autocrítica só é unha fórmula retórica, porque rara vez se recoñece de xeito explícito onde pensa que faltaron os votos.

As loitas electorais e municipais deixan no espírito de moitos deles un rancor e un queimado que non debe ser menor. Mirade en todos aqueles políticos que afrontaron durísimos mandatos: despois desaparecen, mesmo marchan da súa vila, e non lles veñas con máis nada. «Que vos dean», estou convencido que pensan.

É curioso: mentres escribo estou pensando que cando lles pregunto a estes exalcaldes ou exconcelleiros vencidos polo pasado, escapan del como o facía o meu avó das miñas preguntas sobre a Guerra Civil. Só con moita confianza dan conta do que viron e viviron, dentro e fóra dos seus partidos.

Eu teño simpatía polos derrotados: lémbrannos que o esforzo, a boa vontade e a xestión, aquilo que fai valioso a un político, é tan só unha pequena parte da fórmula do éxito.