Murguía e Vicetto

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

03 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vicetto publica Los hidalgos de Monforte, en 1851, en Sevilla, onde por eses anos vive e traballa, e cando os ecos desa novela de ambientación histórica lle chegan a Murguía, principia entre eles unha profunda amizade epistolar na que chegan a tratarse de irmáns, e se un non usa ese termo o outro recrimínao con amabilidade, en razón a que a idea literaria de ambos parece seguir un mesmo roteiro. Vicetto chega a dicirlle que hai unha misión de martirio para os dous, pero tamén que non hai gloria sen sacrificio, tanto que proxectan escribir unha magna historia de Galicia. Logo, cando Vicetto, con 32 anos, se traslada á Coruña, recibirá a visita dun Murguía de 23, que chega de Madrid cos primeiros éxitos (e co orgullo) baixo o brazo, pero ese primeiro encontro parece ser que foi algo decepcionante.

Murguía danos a entender que a decepción veu cando o ferrolán apreciou a súa baixa estatura, pero se atendemos ó que un e outro deixaron escrito, podiamos pensar que a razón principal foi unha cuestión de liderado competitivo. Un era dez anos maior e o outro un mozo moi envaidecido. Non se nos escapa que, naquel encontro e nas cartas que se escriben, Vicetto aconséllalle que se busque un traballo do que vivir, que o periodismo e a literatura, por moi nobres que sexan, non lle van dar de comer. Entendemos que Vicetto veu dicirlle que ata esa tivo a sorte de contar coa axuda da familia, que era un consentido e xa era hora de que se buscase os seus propios ingresos. Anímao a que fale cos amigos de Madrid, que poden buscarlle un emprego; pero o orgulloso Murguía non entendeu o consello que viña, precisamente, dun home que se fixo a si mesmo, orfo de pai ós 2 anos e de nai ós 15, tras o cal deixa a escola de garda mariñas do Ferrol para ingresar no exército durante a primeira guerra carlista. Publica con 20 anos a súa primeira novela e ós 26 deixa o exército para ser funcionario de prisións. Sempre con un salario que lle dá liberdade para escribir sen dependencia.

Certo que Murguía tamén viña de acadar o seu primeiro éxito como novelista e non lle faltaban periódicos onde escribir, pero o consello de Vicetto era o dun amigo e el non o entendeu. Pouco a pouco fóronse arredando, tanto, que Vicetto chega a referirse a el como o señor Martínez, a sabendas de que Murguía sempre evitou o apelido paterno, e acabarán escribindo, cada un, a súa propia Historia de Galicia, en cuxos prólogos se acusan de falta de rigor ou de prosa pouco elegante.

Tras a morte de Vicetto, o 28 de maio de 1878, Murguía vai telo presente no seu libro Los precursores (1886), lembrando dende a primeira liña as discrepancias co outrora amigo, que, segundo di, nunca foron inimigos. Pero tampouco ben levados.

Con todo, pódese dicir que Murguía foi o biógrafo de Vicetto, a quen describe como un tipo alto e ben parecido, pero tamén como «el hombre más débil que he conocido». E non é certo, se temos en conta a súa traxectoria militar e de funcionario, tanto de oficial de prisións como de intendente da fábrica de moeda de Xuvia ou director do Diario de La Coruña.