Efecto Aznar

Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

20 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente Aznar tivo unha ocorrencia no ano 1998 para baixar o prezo da vivenda: liberalizar todo o territorio para poder construír en calquera lado. Unha idea que rescatou no 2019 o candidato Pablo Casado, e que espero que Alberto Núñez Feijoo non recupere.

Nada máis afastado da realidade: foi aprobar a lei e o prezo da vivenda non parou de subir. Agora tamén o pretenden implantar en Portugal, sen mirar a hemeroteca.

Deixando a un lado o sector profesional inmobiliario, aquel presidente faría as delicias de calquera galego. Basta facer unha enquisa para saber que case toda a xente sería partidaria de que se permita edificar en calquera lado, algo que vetou o goberno de Fraga Iribarne no ano 2002, baixo a presión de Bruxelas.

Non ten pés nin cabeza que se poidan edificar todas as leiras; por razóns funcionais de satisfacer os servizos que requiren os cidadáns (lixo, escolas, canalizacións), pero tamén pola propia supervivencia do planeta. Non se pode construír nas zonas que necesitan os ríos para espallarse cando chove moito, pero moita xente non o entende. Non se pode construír nas mellores áreas para a agricultura, programadas dende a Idade Media pola súa calidade, porque aínda podemos necesitalas para labores agrícolas no futuro. Non se pode construír nos montes para poder preservar a biodiversidade. Non se pode encher todo de eucaliptos porque suporía a morte de moitas especies, e enfermidades para os humanos. Non se pode edificar onde non hai camiño público por sentidiño, pero hai xente que non o entende.

Todo iso é o que regula un plan urbanístico.