Hai certo tempo un bo amigo expúxome a súa análise sobre a moda, daquela rabiosamente actual, de darlle un alce á terra: cimentar, lousar e varandar os arrós costeiros para maior ornato da beiramar e contribuír aos calmos paseos pola fresca, turística e salutífera coartada mediante.
Lembrando o dicir deste amigo, recentemente camiñei a beiramar natalicia dende a vila capital en dirección a un dos confíns marítimos do concello. Puxen especial atención no tramo, aínda en obras, subseguinte ao dos lousados, varandas, farois, esculturas, ponte e aparcadoiros. Ese tramo de costa era un dos propios da miña infancia —décadas van alá, se cadra demasiadas—, protagonista de tardes de praia estival e dalgunha que outra busca de marisco areeiro, desagradables anguías ou afiadas e traidoras pedras de apiñados mexillóns.
A factura do realizado —contido e medido— non impediu que recoñecera espazos andados había tantos anos e mesmo que vira por primeira vez algún tramo de costa para min inédito. Antano a paisaxe era, por un lado, regos de millo ata o estreito sendeiro e, polo outro, feraz ramallada de loureiros, canas do país e sempiternas silvas cegando a visión do mar. Hogano, liberado o arró de boa parte desta vexetación, a paisaxe adquire unha realidade non contida na memoria, pero que non se fai distante senón todo o contrario.
Chegado ao pequeno porto onde culmina o tramo decateime, con certo alivio, de que o camiño continuaba máis ou menos como o lembraba —o menos, certamente, a inmensa ponte que cruza a estremeira da ría—. Satisfeito polo paseo, e valorando o texto, contexto e méritos de quen está a protagonizar estes traballos, non deixei de lembrar a negra sombra que o reflexivo amigo deitara sobre o futuro destes alces: «Antes ou despois, o mar ha reclamar o seu».
Acaso sexa certo, pero teño para min que, reclamando o mar o que é seu e a vexetación a parte que lle toca, eu seguiría recoñecendo as paisaxes da miña infancia. Non será así para aqueles que perderon a terra e o sal baixo as lousas e as varandas do ornato, turística e salutífera coartada mediante.