11 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A vaga de agresións ao patrimonio que vimos sufrindo parécese máis a un escenario de terror que a feitos puntuais, como apunta alguén para quitarlle importancia. O concepto de terrorismo defínese como a sucesión de actos violentos, e adóitase relacionar con outros asuntos, moitas veces concatenados e cunha organización detrás.

En todo caso, o incremento que se vén dando nos últimos tempos débenos facer reflexionar e actuar canto antes. Hai un problema de educación, dende o berce; fronte á que nos inculcaron aos da miña xeración, hoxe os proxenitores miran o móbil e charlan entre eles namentres os fillos golpean papeleiras, sen corrixilos dende a nenez.

Tamén estamos perante a moda de facerse popular e gañar «gústame» nas redes sociais facendo estupideces, algo que non desbota vivir novas experiencias, como nos inculcan dende a televisión e as propias redes sociais.

Pero tamén hai unha responsabilidade das administracións que promoven un turismo cultural de masas. Ou falamos de turismo cultural —para persoas sensibles co patrimonio— ou promovemos o turismo de masas, e neste capítulo, todo o relacionado co Camiño de Santiago e o Xacobeo pode ter moita relación. Poñer Galicia de moda, e Santiago como lugar imprescindible implica arrastrar todo tipo de individuos, moitos deles moi ignorantes culturalmente, moitos outros ávidos de facer cousas inauditas, que no caso dos estranxeiros, terían prohibidas nos seus estados de orixe. Promover e subvencionar carreiras sobre bens culturais tamén ofrece unha imaxe emocionalmente perigosa, como ralies entre bens patrimoniais.