O certame literario Antón Avilés de Taramancos pon en xogo un premio de 3.000 euros

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Foto de arquivo da entrega do premio Antón Avilés de Taramancos
Foto de arquivo da entrega do premio Antón Avilés de Taramancos MARCOS CREO

Os orixinais poden presentarse ata o 20 de outubro

12 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un único premio de 3.000 euros, unha escultura conmemorativa firmada polo artista Alfonso Costa e a publicación da obra pola Editorial Toxosoutos. Ese é o galardón ao que poden aspirar aquelas persoas que concorran a esta edición do certame literario Antón Avilés de Taramancos, que impulsa o Concello de Noia desde hai 22 anos. O prazo de presentación de orixinais estará aberto ata o próximo 20 de outubro, e poderán presentar os seus relatos de aventuras todos aqueles autores maiores de idade —de calquera nacionalidade—, que aporten un traballo en galego de temática libre e que sexa inédito.

A obra deberá ter unha extensión de entre 70.000 e 100.000 caracteres, e deberán axuntarse catro copias dos exemplares por separado, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados, sen firma, cun lema e utilizando o sistema de plica.

Xurado

A obra terá que enviarse ao Concello de Noia (rúa Rosalía de Castro, 2), e o xurado está previsto que emita o seu veredicto na segunda quincena do mes de decembro. A entrega do premio farase mediante transferencia bancaria e organizarase un acto oficial.

Segundo as bases, os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes serán destruídos transcorridos 20 días desde a data do veredicto do certame. A Editorial Toxosoutos publicará a obra galardoada, renunciando o autor aos dereitos da primeira edición, tanto en galego coma noutros idiomas de posible publicación por parte da devandita empresa editora.