Festas urbanas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

18 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O desleixo dos nosos políticos, e a falta de educación e autoridade son motivos polos que as nosas verbenas acaban con toneladas de lixo e fanse insoportables para gran parte da poboación. Este fin de semana asistín a unha festa parecida en Aveiro, o Festival dos Canais, onde a música era parecida á nosa, pero con menos volume, onde para unhas seiscentas persoas había case vinte policías locais en toda a praza, estratexicamente colocados.

Unha festa na que para beber había unha barra —como as de aquí— na que che cobraban o recipiente (vaso) e, unha vez consumida a bebida, tiñas que devolver o vaso e devolvíanche os cartos. Un lugar no que os poucos que deixaban o vaso sobre o espazo urbano eran apercibidos pola policía para entregalo na barra.

Todo o mundo o estaba pasando ben, ninguén con exceso de alcohol —de facelo era levado á comisaría—, todos bailabamos, escoitabamos música e bebiamos. Pero tiñamos que devolver o vaso.

So había unha única papeleira —grande— para as seiscentas persoas, e todo o mundo deixaba os refugallos dentro, porque se alguén tiraba un papel no chan era apercibido pola policía. Pero curiosamente xa non era necesario, porque era xente educada, practicamente toda portuguesa, que non tiraba papeis ao chan.

Cando rematou a festa, que non foi ás catro da madrugada como aquí, senón ás dúas, non fixo falta utilizar o servizo municipal de limpeza, porque non había nada que limpar.

Non estou contando un relato idílico sobre comportamento cidadán, senón unha bonita realidade. A media de idade sería de 30 anos, pero eran portugueses, educados.