José Antonio Vidal: «Queremos impulsar a entidade porque viamos que morría»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Leva apenas un mes no cargo, pero o novo presidente dos empresarios xa comezou a desenvolver algunhas iniciativas

13 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de 30 anos con Manuel Tomé como cabeza visible, a Asociación de Empresarios da Pobra cambiou de presidente e, aínda que é recente, o relevo xa está comezando a percibirse. O temón da entidade pobrense colleuno José Antonio Vidal, Fabri, que está á fronte dun equipo con grandes proxectos e moitas ganas de levalos a cabo cunha idea clara: «Queremos que a asociación sexa útil para os negocios da Pobra».

—Que o impulsou a presentar a súa candidatura á presidencia?

—Queremos darlle un impulso á asociación porque viamos que morría. Varios empresarios falamos de que había que tomar a iniciativa, a verdade é que nun principio eu non me vía de presidente e animaba a outros a que se presentaran, pero dicíanme que por que non ía eu e ao final decidinme.

—Leva moi pouco tempo no cargo, apenas un mes, pero que primeiras medidas está levando a cabo?

—En realidade, metido de cheo levo menos tempo porque a secretaria da asociación estivo de vacacións e ela é a que tiña todo de man e necesitaba a súa axuda para arrancar. O que si que fixen foi pedir o listado de todos os asociados e estes días estoume dedicando a visitalos a todos para ver as necesidades que ten cada empresa. Hai a sensación, a min pasoume, de feito, de que pasas a vida a pagar unha cota para nada, non se facía nada na asociación que repercutira nos socios e iso non pode ser así.

—Había certa sensación de parálise entre os asociados?

—Si. O anterior presidente tiña ilusión por continuar, pero son moitos anos e xa ten unha idade, é difícil. Agora o que queremos é que a asociación sexa útil, e un nada que fagamos xa será suficiente, porque o certo é que ao final estabamos pagando unha cota e non viamos ningún resultado. Por exemplo, temos un servizo de asesoramento xurídico para os socios, iso xa o había, pero non se daba a coñecer, a xente non o sabía.

—É moi complicado coller o relevo na presidencia despois de tantos anos coas mesmas persoas á fronte?

—Ao principio si, porque hai que poñer moitas cousas en marcha, estou descoidando o meu propio traballo pola asociación, pero penso que unha vez que isto se encarrile xa vai botar a andar só. Agora estamos poñendo todas as cousas ao día.

—Esta semana deuse a coñecer quen son os integrantes da súa directiva, custou facer o equipo?

—A verdade é que a todos os que llo propuxen viñeron ao momento, salvo a representante do comercio, que me custou un pouco máis. Creo que formamos un bo equipo, é importante ter persoas de todos os sectores e que sexan bos profesionais, que aporten ideas porque ao final cada un coñece mellor o seu propio sector.

—Animan ao tecido empresarial a implicarse coa asociación, están facendo algunha campaña de captación?

—Non temos unha campaña como tal, pero nunha semana metemos 22 negocios novos. Estamos empezando a rodar, foise correndo a voz e a xente do pobo alégrase de que haxa un proxecto novo e empece a moverse.

«Necesitamos potenciar esta zona durante o inverno»

Aínda que acaban de chegar, Vidal e o seu equipo teñen moitas ideas e xa realizaron algunhas xestións co obxectivo de botar a andar novas actuacións.

—Hai algún novo proxecto no que xa están traballando?

—Temos moitas ideas, e xa tivemos algúns contactos para poñer en marcha un novo proxecto arredor do Camiño de Santiago A Orixe. Unha das ideas é habilitar un albergue na Pobra, de maneira que a xente que sae de Corrubedo durma aquí, sería unha forma de contribuír a dinamizar a hostalería no inverno. Outra idea, para a que tamén precisaremos axuda das Administracións, é facer unha especie de xornadas gastronómicas arredor dos recursos do mar da zona, de maneira que cada semana uns determinados establecementos sirvan tapas deses produtos e que se vaian alternando para beneficiar a todos. E isto iría unido a empresas turísticas que oferten paquetes na Pobra, xa fixemos algún contacto nese sentido.

—Si que están movéndose rápido.

—Necesitamos potenciar esta zona no inverno. Outra iniciativa importante é a de contar cunha persoa que faga un estudo dos consumos enerxéticos dos nosos socios e nos asesore sobre as mellores tarifas para reducir custos.