Amaral

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

AMARAL
AMARAL

Unha das cousas curiosas do escándalo de amosar os peitos é que cando se mostran por outros motivos que non sexan o da reivindicación non pasa nada

16 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sei que corro o risco de soar repetitiva, pero é que resulta que é a noticia da semana —co permiso doutras mulleres que veñen de clasificarse para a final dun Mundial—: Eva Amaral ensinou as tetas nun concerto. Vaia escándalo, claro, non se fala doutra cousa. E volve o debate de sempre e as preguntas de que necesidade hai de ensinar as tetas. Para que? Pois para algo será cando o asunto segue xerando tanta controversia e se converte en noticia, porque o certo é que non é algo tan extraordinario.

Unha das cousas curiosas do escándalo de amosar os peitos é que cando se mostran por outros motivos que non sexan o da reivindicación non pasa nada, non hai debate nin mans á cabeza cando os espidos teñen como fin ofrecer unha imaxe sexualizada, tamén sobre un escenario. Outras artistas teñen feito o mesmo antes e pasaron desapercibidas, ou foron acusadas de buscar máis fama, máis popularidade e, en consecuencia, máis diñeiro. Amaral non precisa nin fama, nin popularidade nin diñeiro (bueno, isto dígoo eu, non coñezo o estado das súas contas bancarias).

Faino precisamente para chamar a atención sobre esas outras que son criticadas e incluso censuradas por facer o mesmo. Faino para reivindicar a liberdade de mostrar o seu corpo cando e como queira, unha decisión que é exclusivamente súa, como un acto de liberdade. Non é exhibicionismo nin gratuíto, faino por algo. E posiblemente lle reporte máis prexuízos que beneficios.

É necesario ensinar os peitos para lanzar unha mensaxe así? Non debería, pero á vista está que quizais si, porque do contrario o seu discurso pasaría desapercibido. E tamén é triste.