A cidade do Porto xa non é a que era. Os fondos europeos serviron para construír un escenario teatral para os turistas, e apenas van quedando portuenses na zona histórica.
Esta situación xa comeza a ser cotiá na cidade de Santiago de Compostela, pero non debemos baixar a garda noutras vilas galegas polas que pasan os camiños cara a capital, ou as que son vítimas de fascinantes campañas publicitarias que pretenden promocionar esta terra como destino turístico, e que non son máis que colaboradores necesarios para vender o país aos estranxeiros.
Quedan as pedras, queda a madeira, pero pérdense a alma, a identidade e as persoas. Unha cidade preparada para dar gusto aos que buscan o diferente, a cambio de prezos cada vez máis altos, é unha urbe morta, un parque temático que expulsa aos cidadáns, que son os verdadeiros construtores desas imaxes que tanto gustan aos turistas, os verdadeiros propietarios do espazo público, agora cheo de terrazas de pago, cheo de grupos organizados que, como un exército silencioso, destrúe todo o que encontra, porque o turismo masivo é o maior depredador dos pobos.
Toda esta montaxe escénica ten detrás moitos actores que non se ven, multinacionais que especulan e que decoran baixo o nome da rexeneración urbana, da rehabilitación. Fondos internacionais poñen a vista nesta esquina atlántica como negocio, que leva implícita a expulsión da nosa xente, que molesta nese escenario.
Aínda estamos a tempo, e podemos evitar que se veña abaixo o que construíron os nosos devanceiros: deixemos de vender as nosas paisaxes, os nosos costumes.