Tense que notar

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

La familia real llega al teatro Campoamor para la 43ª edición de los Premios Princesa de Asturias.
La familia real llega al teatro Campoamor para la 43ª edición de los Premios Princesa de Asturias. Tomás Mugueta

25 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os mecanismos máis eficientes da organización humana son invisibles. Unha cidade tranquila, sen ameazas percibibles, parece natural, pero detrás adoita estar unha precisa maquinaria pública que comeza na cobertura social e remata nos corpos de seguridade.

Os grandes eventos ou as comidas máis sofisticadas dos restaurantes son aquelas nas que soamente precisas prestar atención á familia ou aos amigos, e nada máis se fai de notar arredor. Teño estado en recepcións de xefes de Goberno sen escoltas. Se o outro día se notaban tanto na entrega dos premios Príncipe de Asturias é porque lles interesaba que se viran.

Cando unha cultura política non está consolidada, o político quere que as súas accións sexan tanxibles e visibles. Hai que cultivar a placa, a portada de prensa e o perfil de Instagram. E a arquitectura adáptase ao requirimento, facéndose visible por riba do espazo natural no que se intervén. Tense que notar porque iso son votos. Aínda que para iso se deturpe e transforme un lugar de xeito irreversible.

Pola contra, eu cada vez valoro máis que non se note a presenza da Administración. Ollo, que non se note, non que non estea. Que non me fagan pistas, chanten bancos, miradoiros, merendeiros ou paneis sen xustificar.

O espazo natural ten unha superficie reducida e que tende a esgotarse, e por iso miradoiros opulentos de aceiro cortén son inxustificables. Agora, cando chego a un sitio fermoso, coidado, e sen outra intervención ostentosa, o primeiro que penso é: «Que ben traballa este político».