Mirando un cadro

Francisco Ant. Vidal
FRANCISCO ANT. VIDAL LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

Bernardo Codesido

18 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha mancha de cor no medio dunha imaxe monocromática obriga a que a mirada se nos vaia a ese punto do cadro deixando ó resto como unha envolvente. Ese é un dos moitos trucos que un artista usa para centrar a mirada do observador no que el desexa resaltar. Nun retrato sempre está a mirada dun personaxe provocando a nosa atención, uns beizos sorrindo cun intenso vermello ou unha perla nunha orella. Algo que atrae a nosa mirada e nos abre a porta pola que chegar á mensaxe alí exposta.

A principios do verán publicouse o resultado dun estudio realizado en xaneiro deste ano, para comprobar a que lle dedicamos máis tempo cando miramos un cadro. O experimento fíxose entre un grupo de cincuenta e dous voluntarios fronte a O xardín das delicias, do Bosco, mentres visitaban o Museo do Prado.

O citado cadro é un tríptico no que, cando as dúas táboas laterais se cerran sobre a central vese unha especie de globo terráqueo que se interpreta como a representación do terceiro día da creación, xa que se ben nel hai plantas non hai animais nin persoas; e ó abrilo, na táboa central cargada de figuras espidas e plantas exuberantes, entre as que as persoas se dedican a desfrutar dos praceres, represéntase a luxuria. Na da esquerda hai unha bucólica escena do paraíso e no panel da dereita amósase unha visión do inferno.

Era de supor que o máis atraínte para a mirada do observador sería o panel central, non só por estar no medio, de fronte a nós, senón tamén pola variedade de escenas pintadas en tonalidades máis luminosas, como as da táboa que recrea o paraíso, e sen embargo a xente ficaba máis engaiolada do panel onde se representa o inferno, co que podemos concluír que o tétrico e o morboso atrae máis que o fermoso e amábel. Só lle poño unha pexa a esta obra, que no inferno se sitúe, ben á vista, unha gaita, como se ela fose causa dalgún mal.

No noso Pórtico da Gloria, ademais do pícaro sorriso de Daniel, o que máis interpretacións nos ofrece son as escenas dos condenados, e aí confirmo como persoas con certa preparación no que á observación artística se refire, fican máis tempo fronte a este tipo de imaxes ca fronte outras menos escabrosas.

As persoas participantes no experimento do Museo do Prado, de idades entre os 10 e os 70 anos, foron dotadas dunhas gafas con sensores para rexistrar a onde miraban, canto se dilataba a pupila durante esa observación e canto tempo duraba a mesma. Ó final demostrouse que mirando ó panel do inferno a xente ficaba, de media, algo máis de 33 segundos, mentres que a táboa central só os ocupaba 26 e a do paraíso uns escasos 16 segundos.

¿Que ten, daquela, o inferno que tanto atrae? Unhas escenas moito máis escuras que as outras, cargadas de seres torturados, maltratados, onde só o demo ousa mirar de fronte ó espectador, mentres o resto de condenados fican tristes, martirizados por seres monstruosos. As mesmas paisaxes e escenarios de guerra que estes días invaden os noticiarios obrígannos a repudiar tanta desfeita e infortunio, pero sen deixar de mirar o espectáculo deses desastres televisados que opera sobre nós un triste e malsán detemento.