Son ben poucos os casos nos que o espazo público se decide mediante un concurso de ideas. Menos casos aínda nos que o propio pobo escolle o modelo de espazo público que vai desfrutar —ou aborrecer— (Ferrol e A Estrada). Sacar a concurso a idea para un espazo público entre arquitectos non custa máis que facelo mediante a decisión unilateral do alcalde, cun proxecto outorgado a dedo.
Moitas veces, incluso este último modelo, o máis estendido, sae máis caro que o concursal. Claro que é importante non valorar o prezo do traballo do arquitecto, se non o custo das obras, para evitar o malgasto. Un bo proxecto pode aforrar inútiles procesos construtivos, mesmo aforrar no mantemento, pero é moi frecuente que a conservación futura do noso espazo non sexa tida en conta, e así acaba morrendo ou sendo unha carga que todos pagamos.
Facer partícipe á cidadanía é tamén algo que, sendo de vital importancia, non se ten en conta. Moitas veces, o pobo non está formado culturalmente para escoller a mellor proposta, pero é o seu espazo, e con debates intermedios durante o proceso, seguro que é máis racional que o usual xeito de proxectar, no que un arquitecto debuxa o que mellor entende, ignorando aos verdadeiros partícipes do espazo urbano futuro.
O Colexio de Arquitectos sempre estivo aberto a este sistema de desenvolvemento urbano, mesmo participando activamente no concurso, pero hai alcaldes que o ignoran e outros que o queren ignorar. Moitas veces, a figura do alcalde é incluso a que leva a sona e o arquitecto permanece na sombra. Temos que mudar este sistema tan obsoleto.