A maior parte dos galegos descoñecemos que a Unión Europea — ese monstro burocrático que creamos— nos obriga a desfacernos do fibrocemento (as coñecidas Uralitas) nun breve espazo de tempo. Xa teño comentado que Bruxelas camiña a distinta velocidade que Compostela, e que eses burócratas que tanta pasta nos custan só viaxan a Galicia a comer marisco e dicir que sae barato vir a este paraíso.
Descoñecen a nosa realidade diaria, non saben que as Uralitas forman parte da nosa identidade, por termos perdido a trazabilidade dos nosos materiais — pedra, tella e madeira — para lanzarnos de xeito abrupto á construción de bloques, ladrillos, cemento e fibrocemento.
Miles de edificacións galegas teñen fibrocemento, e non só no rural, tamén nas medianeiras urbanas, nas tubaxes, etc e non temos recursos económicos familiares suficientes para desfacernos delas, menos nun curto prazo. Quitar o fibrocemento é caro, pero hai que poñer algo no seu lugar, operacións imposibles para familias e persoas con recursos limitados, e das axudas mellor non falar, porque non están pensadas para eles.
Realmente, e como arquitecto, podo dicir que o da enfermidade creada polo fibrocemento máis parece un relato ideolóxico que unha realidade. Coñezo centos de construtores que levan anos manipulando Uralitas e non están enfermos. É certo que respirar o po que se produce ao cortalas, durante moitos anos, produce enfermidades, pero non hai xente que estea constantemente manipulando estes materiais. É máis a paranoia que nos fan ver a través das administracións, que a realidade cos pés na terra.