Chega fin de ano e anda todo o mundo nos balances. Cada vez cústame máis concluír que pasou nun período de 12 meses. É como se tentaramos ver algo demasiado de preto: as cores e as formas confúndennos. Eu faría ao final de 2023 o balance de 2003.
Sería máis divertido porque recuperariamos situacións que xa parecían esquecidas, como fai con éxito TVE cos seus Cachitos e outros programas que saben tan ben tirar de nostalxia e espremer o noso ridículo.
O día de Nadal polo serán axitamos a nosa nostalxia recuncando en Love actually. Por se non se lembran, un exitoso filme de Nadal británico de hai xa vinte anos. Sorprendeume que a comedia resistira este tempo con aceptable dignidade.
A Colin Firth seguíanlle quedando mal as camisas e a Hugh Grant insultantemente ben. Ese Londres era un mundo que aínda recoñeciamos; como os personaxes vestían á moda, case parecían nós. Faltaba Internet como tecnoloxía xeradora de angustias e ansiedades e era como un elefante na habitación: pedías un whatsapp que dera un xiro de guión.
Pero petoume algo: aquela famosa escena na que Juliet (Keira Knightley) descubría que Mark (Andrew Lincoln) só a filmara a ela durante a voda do seu mellor amigo. Nin ao colega, nin ao cura, nin aos convidados. Só á noiva en primeiro plano. Horas de metraxe así.
En 2003 aquilo podía parecer romántico. En 2023, como espectadores, esa obsesión do Mark pola Keira só pode anticipar unha desgraza. Sentín que ese sería un dos balances que podería facer destes vinte anos. Fai falta o tempo.