A treboada perfecta

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Barbanza se echa a las playas para limpiar el vertido de pellets de plástico.Los pellets también han llegado a Queiruga.
Los pellets también han llegado a Queiruga. MARCOS CREO

10 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aprincipal lección do desastre do Prestige foi a forza da sociedade civil, esa que moitas veces se nos nega que exista, ou que está desactivada. Lembro Aguiño, a engrenaxe eficiente de barcos, cadeas de subministro e loxística vertebrada a partir das confrarías, esas institucións de orixe medieval anteriores ao propio Estado. O sector do mar estaba no núcleo de todo. Unhas boas escenografías de indignación mariñeira berrando contra políticos prendían carburante nas televisións.

Para os que vivimos o Prestige, volver a vivir isto é abraiante polas semellanzas e as diferenzas. A principal diferenza é a ausencia dunha reacción contundente do sector pesqueiro. Cambiou moito o sector, non percibe ou considera os pélets ameaza, é un sector máis dependente do público que de aquela? O mar neste asunto parece máis defendido por quen non vive del que polos que si viven, se exceptuamos o amigo Rogelio Queiruga. Tamén pode ser que se teña visto tanto plástico nos últimos anos que este non se perciba como unha ameaza máis grave.

Os pélets parecen moverse como un vendaval que colleu os partidos e as Administracións co paso cambiado; é un perigoso vórtice que pode arrastrar dentro a quen dea un paso en falso. Por agora zafaron de que o sector do mar non parece tomalo moi en serio, pero iso pode cambiar. Xa pasou tamén no Prestige.

A xulgar por algunhas expresións faciais que se ven estes días, hai moita xente que sabe ben que ao mar cárgao o demo, e non todo o mundo sabe nadar nos trebóns perfectos.