Filosofía para «nenos» de entre 13 e 100 anos na obra do rianxeiro José Carou

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Barbantia sumouse aos Actos Castelao na primeira presentación do 2024

27 ene 2024 . Actualizado a las 16:47 h.

Xaneiro é de Castelao, foino para o ilustre rianxeiro que naceu e finou no primeiro mes dos anos 1886 e 1950, respectivamente, e o é para Rianxo, cuxo Concello lle dedica unhas xornadas nas que todas as manifestacións creativas teñen cabida, entre elas a primeira cita coa que Barbantia abre as presentacións mensuais do novo ano. Xuntáronse no auditorio rianxeiro música, a cargo do pianista Tano Domínguez; a arte do artista ourensán Miguel Mosquera, e a literatura, pois presentábase O libro secreto da filosofía, de José Carou Rey, a quen acompañou Xosé Ricardo Losada, en representación de Barbantia; Margarita Fernández, profesora e tradutora; Sara Varcárcel, ilustradora do libro; e Xesús Domínguez, por parte da Editorial Galaxia.

Trala interpretación da peza musical de apertura, o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, presentou a cada un dos compañeiros de mesa, repasou os actos Castelao e explicou as obras de arte que se atopaban colgadas no fondo do escenario, que son as que se pintaron en anos precedentes por Pepe Míguez, Veiras Manteiga e Alfonso Costa, ás que se ía sumar a que estaba creando Miguel Mosquera que deu a coñecer ao final e na que a muller de Castelao, Virxinia Pereira, é protagonista.

Foi Xosé Ricardo Losada o primeiro en intervir, destacando que era unha das presentacións máis especiais que facía, porque ademais de falar do libro dun amigo, dun rianxeiro, era unha obra de filosofía e en Rianxo, sendo como é o propio Losada profesor de filosofía, o que non deixaba de ser unha mágoa para el «porque está escrito para persoas que non son iniciadas na Filosofía», pese ao cal lle fascinou.

Asertos da obra

Do libro destacou, ademais do relato, as ilustracións e o deseño de Sara Valcárcel, e entrou nos asertos dicindo que o escritor ten unha historia e sábea contar; consegue unha ambientación de época a pesares de que se desenvolve arredor de sete filósofos ao longo dun amplo período da historia; incorpora anécdotas, algunhas moi coñecidas para un profesor de Filosofía, pero non para os nenos; e ten un toque de orixinalidade propio do autor «eu falaría de fútbol, pero Sesi fala de baloncesto, da NBA». Concluíu preguntando se habería unha segunda novela, xa que cría que quedaba aberta.

Margarita Fernández sumouse á mesma incógnita sinalando que a obra invita a unha continuación, pero por unha razón: «Nas sete viaxes nas que está estruturada a obra, cada unha representada por un personaxe, só hai dúas mulleres: Hipatia de Exipto e Simone de Beauvoir». Explicou que non era una crítica, senón a constatación de que as mulleres participaron moi pouco no estudo ao longo da historia e considerou que hai outras moitas mulleres que merecen estar nesa segunda obra que reivindicaba.

Xesús Domínguez, en representación de Galaxia, explicou que a contraporta ábrese cunha frase, «atrévete a pensar», e péchase con outra, «poderás achegarte á orixe do coñecemento», para concluír que son as claves de calquera achegamento á filosofía: pensar e descubrir. Explicou que José o que fai na súa obra é utilizar o conto como unha historia divertida, con humor e aventuras «para achegarnos eses conceptos da narrativa e o que hai detrás. Non é un libro xuvenil, pero está encadrado así por conceptos de mercado pero é para lectores de entre 13 e cen anos.

A ilustradora Sara Varcárcel referiuse á obra como «unha viaxe que tiven que atravesar e ilustrar grazas a esta fabulosa historia de José Carou. Para min este é un libro que fala sobre a verdade e a necesidade de entender as cousas, e sobre todo de facerse preguntas». Asegurou que a historia é unha invitación ao entendemento, escrita dunha maneira desenfadada nun texto que semella inocente e que leva a chegar ao corazón da autenticidade.

José Carou lembrou que os auténticos amigos reprenden en privado e encomian en público, polo que agradeceu as palabras de todos os compañeiros de mesa, pero tamén a asistencia do público, do músico e do propio artista e subliñou o traballo de edición de Xesús Domínguez. O autor sinalou que era a primeira vez que escribía para nenos e que estaba expectante co resultado, asegurou que eran un pracer a ilustración de Sara e suxeriu mercar o libro aínda que só sexa polos debuxos «que son fermosísimos, dan sentido e cohesión». Cualificou o libro como un intento de romper, que foi escrito á marxe de todo pensamento mitolóxico. E recoñeceu que nunha segunda parte habería un oco relativo á Idade Media, e tamén ás mulleres filósofas.