Fabiola García: «Aquí só hai dúas alternativas: ou votar ao PP ou votar a todos os outros»
BARBANZA
Compromete a posta en servizo da residencia de maiores de Ribeira no 2025
11 feb 2024 . Actualizado a las 22:59 h.É breve, clara e concisa nas mensaxes. Fabiola García fala con firmeza, transmite confianza e seguridade no que di, e posiblemente esas sexan algunhas das calidades que tivo en conta a dirección do Partido Popular para colocala nos postos de saída da súa candidatura ás autonómicas. O seu papel como conselleira de Política Social dálle ademais visibilidade e é unha das integrantes do Goberno galego mellor valoradas. Inmersa nunha intensa campaña, fai un alto para pór en valor a xestión realizada e sentar as bases do futuro se o PP conserva a maioría parlamentaria.
—Hai a percepción de que esta cita electoral é máis importante que outras convocatorias, xogámonos tanto este 18F?
—Sempre dicimos que todas as eleccións son importantes, pero podemos dicir que estas autonómicas son unha das citas máis importantes dos últimos tempos porque nolo xogamos todo. Xogámonos a nosa dignidade, xogámonos o futuro de Galicia, por iso é tan importante que todos os veciños do Barbanza apoien aos deputados que van pola comarca.
—Será máis determinante que noutras citas a participación?
—É necesario que todos os simpatizantes do PP vaian a votar o próximo día 18, que non falle ninguén nas urnas, e tamén facemos un chamamento a todos aqueles que no seu día confiaron no Partido Popular e que noutra cita electoral puideron apoiar outras opcións políticas, que volvan á familia do PP porque os necesitamos e os queremos con nós.
—Neste sentido pode dicirse que parten con vantaxe con respecto á esquerda, na que hai máis fragmentación.
—O Partido Popular é a opción máis segura, porque aquí só hai dúas alternativas: ou votar ao PP ou votar a todos os outros, un multipartito que xa vemos como está funcionando en Madrid e que vai ser ademais un multipartito liderado polo independentismo, polo monolingüismo, coa volta á educación exclusivamente en galego, a eliminación das provincias e recuperar o imposto de sucesións e doazóns... A opción segura é votar ao PP e dende logo é a que garante un futuro estable, un equilibrio en Galicia, para que siga sendo unha referencia a nivel nacional.
—Hai moitas enquisas que debuxan un panorama máis incerto en canto á posible maioría absoluta ao PP, isto preocupa?
—Ninguén se ten que confiar, de feito nós chamamos a que todo o mundo vaia votar. Se todos os simpatizantes do PP e todos aqueles que queren que Galicia continúe polo bo camiño nos apoian estou convencida de que o presidente Rueda terá unha maioría absoluta para continuar gobernando. El é a opción máis segura, e é o mellor presidente que pode ter Galicia, por unha Galicia que funciona e sobre todo por unha Galicia que traballa para mellorar a calidade de vida de todos os galegos.
—A Galicia que funciona é o seu lema de campaña, pero algo novo terá que ofrecer o PP máis alá de dar continuidade ao feito estes anos.
—Por suposto que hai propostas novas, pero tamén levamos moito feito e tamén levamos moito feito aquí, na comarca, só hai que ver todas as inversións, todas as infraestruturas, todos os servizos que puxo a Xunta de Galicia en marcha nestes últimos anos: ese punto de encontro familiar en Ribeira, as aulas do maior, a demolición do edificio de Hesta Kurva, a fachada marítima de Porto do Son, a transformación completa da residencia de persoas maiores da Pobra, o centro sociocomunitario, unha nova residencia para persoas con discapacidade en Boiro, a travesía da Barquiña en Noia… E tamén todas as infraestruturas que quedan por facer como é esa residencia de maiores de Ribeira. Galicia funciona, leva avanzado moitísimo nos últimos 15 anos e queremos seguir creando servizos, por iso no próximo ano 2025 imos rematar a construción da nova residencia da comarca de Barbanza que estará en Ribeira e dará servizo a todos os veciños a comarca con cen novas prazas públicas.
—Fálase moito de servizos nesta campaña, teñen máis peso nesta cita electoral que noutras?
—Porque cada vez teñen máis peso as políticas destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores. E nós temos moitos feitos que avalan a nosa xestión: a gratuidade das escolas infantís, o servizo de axuda no fogar que xa supera os cen millóns de euros e tamén todas esas persoas dependentes que queren continuar vivindo na súa casa e ser coidadas na súa casa con esas axudas de 5.000 euros ao ano.
«Rueda é a garantía de que Galicia siga avanzando»
Para Fabiola García o Partido Popular é a única alternativa para garantir a estabilidade de Galicia, e como argumentos alude á xestión realizada e aos proxectos de futuro.
—Vese como conselleira despois do 18 de febreiro?
—Esa é unha decisión do presidente da Xunta, o que si que estou moi contenta traballando con Alfonso Rueda, é unha gran persoa, que traballa sen descanso e ten un compromiso con continuar mellorando as políticas sociais de Galicia como está facendo nestes momentos. É a garantía de que Galicia siga avanzando.
—Os proxectos de futuro pasan polo reforzo das políticas sociais?
—Imos continuar reforzando o servizo de axuda no fogar, con máis investimento, con máis horas para atender a máis persoas maiores que precisan eses coidados profesionais no seu domicilio. Imos rematar no próximo ano a construción e posta en funcionamento da nova residencia comarcal, imos contruír un novo centro de saúde en Noia con un investimento de oito millóns de euros… Polo tanto, imos seguir apostando polos servizos públicos, como é a educación, con esa universidade gratuíta, continuar apoiando aos mozos con máis axudas e tamén apoiando ás familias que teñen fillos, imos construír novas residencias de estudantes e novos espazos para a xuventude nas principais cidades de Galicia.
—Falaba ao principio de que é importante que os votantes de Barbanza apoien aos seus deputados, por que é tan importante que a comarca estea presente no Parlamento?
—Porque nós somos os representantes directos de todos os veciños do Barbanza, nós coñecemos as súas necesidades, estamos a pé de rúa continuamente para saber que hai que mellorar e esta Cámara de representación é o órgano encargado de pedirlle, de reclamarlle ao Goberno galego melloras constantes na nosa comarca.