Silencio

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Terrazas en un casco histórico
Terrazas en un casco histórico Santi M. Amil

 Canta xente vai de vacacións a lugares sen ruídos para recuperar a paz

13 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O silencio tranquiliza a mente, elimina a ansiedade e o estrés, cambia a irritabilidade pola actitude positiva, controla a tensión arterial, diminúe as dores de cabeza e é un gran aliando para o sistema inmunolóxico. Por iso nos sentimos mellor cando estamos nunha contorna silenciosa, que parece que non existe o mundo, nada de arredor nos provoca, e mesmo nos pode axudar a durmir.

Cantas veces dicimos que nos iriamos a vivir nunha illa deserta ou cando imos ao rural nos sentimos tan ben que cambiariamos a nosa vida por esa. Canta xente vai de vacacións a lugares sen ruídos para recuperar a paz. Algúns urbanitas mesmo protestan no rural polo son das campás, polo berro das vacas ou pola chamada da alborada do capón.

Todo isto pódese conseguir dentro da nosa casa, se se dan as circunstancias axeitadas: un bo illamento acústico e unha contorna silenciosa. Poucos podemos gabarnos de conseguilo, porque os que viven en centros históricos cheos de bares teñen as rúas cheas de xente berrando, porque os españois non somos quen de nos divertir sen balbordo. Moitas casas entre vilas foron construídas ao pé da estrada por pura funcionalidade cando había carros, agora é imposible manter unha contorna tranquila.

É obriga das administracións lexislar e vixiar pola saúde e benestar das persoas, pero en moitos casos non se mollan, e seguimos padecendo esa situación molesta que favorece enfermidades. España é un territorio ruidoso, e só nos decatamos cando viaxamos fóra. Pero esquecémolo cando regresamos. Logo falamos das enfermidades raras que padecemos.