Este xornal vén publicando numerosas historias de xente nova das nosas comarcas que emprende negocios creativos. Ás veces, eses negocios están dirixidos ao mercado local e mesmo nalgúns casos exportan e venden nun mercado exterior.
Ben se ve que son iniciativas montadas con poucos cartos, se cadra como resultado de deixarse a pel en empregos lixo durante tempo ou coa axuda dos pais e dos avós. Non caeron do ceo. Algúns fracasarán, outros sairán adiante e renovarán a comprometida economía das nosas comarcas, que afronta agora mesmo grandes desafíos e que necesitará moita flexibilidade no futuro inmediato.
Como profesor de mozas e mozos que sairán pronto ao mercado profesional, penso moito en como se lles pode botar unha man e indago na nosa propia tradición para pensalo. Na vella cultura galega, os vellos sabían que dar poder é o primeiro paso para responsabilizar. Aínda que os maiores tiñan o mando simbólico e as terras, nesa última etapa debían eles tamén aprender a entregar gradualmente o poder, abrir portas, a calar con prudencia, aconsellar con intelixencia e a deixar facer. Un proceso conflitivo pero necesario. A idade trae moitas veces a dificultade para comprender as novas xeracións, que é o mesmo que non comprender o presente.
Unha sociedade debe ter sempre incorporada mecanismos culturais para saber renovarse e sobrevivir. Debemos preguntarnos se, entre os saberes que os galegos do presente van esquecendo do mellor do pasado, non estará o de saber abrir paso ao futuro.