![Alfonso Rueda, en su toma de posesión como presidente de la Xunta este sábado](https://img.lavdg.com/sc/FX-FN04Wi_nL4nMsDUAOqOUcI88=/480x/2024/04/14/00121713111301773672270/Foto/S_20240413_142258000.jpg)
Comeza unha nova lexislatura autonómica e cumpriría pensar cales son as grandes liñas de acción sobre o noso territorio. Non hai dúbida ningunha de que as comunicacións, co desdobramento do corredor Brión-Noia, van ocupar numerosas páxinas: os trámites están iniciados, falta aínda moita obra pero non parece asunto complicado.
Se algo caracterizará esta lexislatura vai ser o que ten que ver co mar e a ribeira. Por unha banda, o conflito competencial que a Xunta ten co Estado pola lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, neste momento suspendida polo Tribunal Constitucional. O clima de confrontación existente nestes momentos en Madrid leva a pensar que o desbloqueo da situación —inédita nesta escala en décadas de goberno autonómico— non vai ser doado. Pero a nova ferramenta xurídica —de materializarse finalmente— terá incidencia en zonas do territorio de alto valor económico ao redor do urbanístico, o aproveitamento dos recursos mariños e o sector hostaleiro.
A isto súmase a crise do sector marisqueiro e, en certo xeito, tamén o pesqueiro, cun gran nerviosismo polo problema das baixas capturas. É unha especie de «tormenta perfecta» á cal tamén se suman os proxectos mineiros e industriais en marcha ou en desenvolvemento, como Altri, localizados ríos arriba. Unha auténtica bomba política e social. As novas concesións para enerxías renovables terán tamén un gran impacto no territorio, e veremos se unha crecente contestación social. Como axenda para comezar non está nada mal.