Andoriña do cu branco

AGUSTÍN AGRA RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

Chega en abril e a finais de agosto empeza a marchar para África

30 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Este día regresou ao niño que hai anos construíu baixo o beirado do tellado da casa a parella que dende hai anos nos visita. Carl Linné, pai do sistema de clasificación dos seres vivos que hogano empregamos, nomeouna hai máis de dous séculos e medio. O naturalista sueco incluíuna na edición de 1758 do seu Systema naturae como Hirundo urbicum; nome que logo mudou para Delichon urbicum e que poderiamos traducir como andoriña urbana. Para os portugueses é a andorinha-dos-beirais, e os compatriotas de Shakespeare, que as fixo aparecer en Inverness a carón do castelo do rei Macbeth, chámanlle house martin, nome similar ao dun grupo pop británico dos oitenta que a xente da miña xeración bailaba ata altas horas na pista da Mandingo. Mais na lingua de noso, por mor da mitra branca que exhiben na base da cola, dicímoslle: andoriña de cu branco.

Por desidia ou por desleixo, non levo rexistro escrito do primeiro avistamento anual. Mágoa é. Ante a falta de datos non podo afirmar por min propio de alteracións nos seus ritmos migratorios por mor das mudanzas no clima. Porén, a carón de papuxas e folosas, de ouriolos, reiseñores e de milleiros de limícolas no seu camiño cara á tundra, a chegada das miñas visitantes dende os seus cuarteis de inverno africanos adoita producirse en abril.

Após reconstruír o niño con forma de cunca pechada cunha mestura de barro e saliva, chocan catro ou cinco ovos durante un par de semanas. Logo dun período de cría doutras entre catro a cinco, empolan unha nova rolada. Mesmo algún ano, cando as condicións de bonanza son excepcionais, aínda inician unha terceira antes de que a chamada do sur, cara a finais de agosto, as conduza de volta ao seu destino no golfo de Guinea; poida que Ghana, Togo ou Nixeria.

Alén de migradora e estival, a andoriña do cu branco é especie gregaria: forman grandes bandadas e, ante un ataque, reúnense para acosar o intruso ata expulsalo da colonia. Malia que de orixe rupícola, cultismo que aplicado ás aves nos vén dicir que crían en cantís e rochedos de forte pendente, son aves comúns en zonas urbanas, mesmo en grandes urbes.

Romper o niño

Así, un amigo contoume que a veciña dun dos pisos máis elevados do edificio máis alto da miña vila adoita romper coa vasoira os niños que constrúen baixo o abeiro do seu tellado; a desculpa para a vehemencia da súa conduta vén a ser as molestias que ocasionan tanto os seus excrementos como o ruído que emiten.

Alén de ignorar a lexislación, que as considera aves de protección especial coa prohibición expresa de retirarlles os niños, e da inxente contía das multas, quero pensar que o descoñecemento é o pai do tal comportamento.

Á parte de non apreciar o chrrp chichirrrp do seu canto ou de ser allea ao deleite de contemplar a axilidade do seu voo e as súas acrobacias aéreas, quizais non saiba do papel que desenvolven como insecticida biolóxico: grandes devoradores de insectos que capturan en pleno voo, nomeadamente mosquitos, vectores de molestas e mesmo graves doenzas.

E el será tanto fastío, neste pequeno e maltratado planeta, renegar duns minutos de limpeza en troques de tanta beleza? As andoriñas son grandes devoradoras de insectos que capturan en pleno voo.

Uxía Casal, licenciada en Historia da Arte e en Filoloxía Hispánica. Xubilada do ensino público. Escritora.
Uxía Casal, licenciada en Historia da Arte e en Filoloxía Hispánica. Xubilada do ensino público. Escritora. SIMÓN BALVÍS

Non hai caso

A Lola fervíalle o sangue cando abriu o estanco pola mañá e viu xurdir pola esquina da beirarrúa aquel maldito xornalista; ía listo se pensaba arrincarlle unha soa palabra máis sobre o Camiñante. Ben se notaba que era agosto e non había asuntos de substancia en que meter o fociño; iso ou o tipiño era un deses bolseiros sen escrúpulos que non se paran en barras para conseguir o que queren.

En entrando, foi ao cuarto traseiro, prendeu a cafeteira e abriu os paquetes que chegaran o día anterior; tiña que aproveitar aqueles momentos de calma para colocar a mercadoría, se non, corría o risco de que se xuntase con outro pedido e o espazo non daba para máis. Ignorou o ruído do picaporte e seguiu ordenando as lambetadas, aínda non eran as nove e o horario de apertura poñía moi clariño que ata as nove e media non se atendía o público. Logo tomou o café con moito vagar cavilando no Camiñante e na súa mala sorte; que lle importaba á xente se caera da torre por accidente ou se guindara?, que interese podían atopar nas miserias da súa desgraciada vida?

Lola bebeu o último grolo, apertou os beizos, lavou a cunca e, tras secar as mans a conciencia, despechou a porta do negocio. Case esperaba ver aparecer o Camiñante, coma adoito, mais axiña se decatou de que non ía volver, de que fora incapaz de aturar por máis tempo a súa dor, de que nada do que lle puidese dicir ela lle serviría de consolo. O xornalista apareceu e soltou o que el cría un saúdo cordial; decontado repetiu as morbosas preguntas da véspera, cun sorriso que a Lola se lle antollou frívolo de máis, e urxiuno a mercar algo ou a marchar, que non quería telo alí de pasmón, que lle escorrentaba os seareiros...; sobraba xente na vila que estaría encantada de inventar rexoubas para o seu artigo, mais ela, Lola, só sabía que o home que caera da torre da igrexa dous días atrás camiñaba moito e fumaba un paquete de tabaco por semana. E non, non había café, aquilo non era un bar. Punto. Final.

Colleu a novela aparentando indiferenza, buscou a páxina na que a deixara e finxiu ler; a carraxe atragoáballe a gorxa ante a teima daquel prea que non paraba de preguntar o mesmo e apertou os beizos un chisco máis para non cuspirlle na face. Aquilo era noxento!, se o xornalismo consistía niso..., vaia por Deus! A chegada dunha seareira foi a súa salvación, serviulle as lambetadas e o tabaco con toda a pachorra do mundo. O outro marchou. Os mortos cumpría deixalos en paz e os suicidas, máis.

Ismael Ramos
Ismael Ramos MARCOS CREO

 O poder da fraxilidade

Consolidou o seu éxito como poeta Isamel Ramos (1994) con Lixeiro (2021) co que gañou o Premio Miguel Hernández en 2022, e que agora se reedita por terceira vez. Unha voz nova que xa gañara o Premio Johán Carballeira con Os fillos da fame (2016), poemario ao que seguiu Lumes (2017) que, na tradución castelá, Fuegos (2019) conseguiu o Premio Javier Morote.

Como buscar a trascendencia dos desencantos do presente? Pois convertendo a desintegración en poesía, a vida en viaxe, fixando os instantes. Desencanto ben presente na primeira parte da obra, «Como brilla o frío nas ventás dos pobres», sen saber a que se vai enfrontar o eu lírico: «Preguntades constantemente que faremos despois. Pero nós non sabemos responder con palabras», fuxindo cara adiante.

Non somos donos nestes tempos nin das novas vidas nin dos poemas. E, con todo, esta voz nova, fresca, ten aínda moito que dicir, cunha indecisión ben expresiva: «ás veces o que quero contar é diferente do que en realidade sinto». Atento, en soedade, ignorando mesmo a felicidade: «Dicía que non era feliz coa mesma facilidade coa que dicía que eramos pobres».

Son moi acertados os tres poemas da segunda parte do libro, que glosan cántigas populares. Só, quizais, a palabra reconforta: «O poema de amor sobrevive ao amor». Para concluír: «Porque nada sabemos salvo a fraxilidade».

«Lixeiro»

Ismael Ramos

Xerais (Vigo, 2022, 3ª edición)

54 páxinas