Poñer límites

Manuel Gago
Manuel Gago RIBEIRA

BARBANZA

Imagen de una manifestación celebrada el 1 de mayo del pasado año.
Imagen de una manifestación celebrada el 1 de mayo del pasado año. JOSE PARDO

01 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

outro día nas redes sociais alguén puxo unha destas frases memorables: «traballa no que che gusta e currarás tamén as fins de semana». É tan verdade que, coma os mellores chistes, fainos graza porque sabemos que é real.

Se vivimos na circunstancia de que traballo e lecer non están moi distantes entre si, unha das aprendizaxes da vida é saber distinguir que é vida privada do que non é, e canto dunha parte da túa vida se incorpora á outra.

Hai que desconfiar dos consellos demasiado absolutos neste sentido: tes que buscar o equilibrio alí onde te sintas cómodo. Desde a miña perspectiva, por exemplo, sempre me estrañou un pouco esa xente que coñeces unicamente de actividades de lecer (ou do seu lecer) e da que non sabes nada do que se dedica ou como gana os cartos. Non hai que ser lercho, pero saber de que vive cada un constrúe un bo clima, porque fala de confianza e respecto ao outro.

Do contrario, eu tendo a imaxinar traumas, pequenos dramas, negocios turbios ou desconfianza. Tampouco me gusta o caso contrario. Na serie Emily en París, ensínase perversamente ás rapazas de vinte anos incorporadas ao mercado laboral que poden combinar nas fins de semana os servizos á empresa coa vida persoal sen saír mancadas. Vaia trola.

O 1 de maio naceu para poñer límites aos excesos do traballo sobre a vida. A liberdade, para a maior parte da poboación, naceu dunha necesaria barreira. O traballo do futuro está a reinventarse. Pero saber que ten límites e nós decidimos sobre eles non debera estar en discusión.