
Polo xeral, a cultura galega morre pola xente nova
15 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O outro día en Portugal tiven unha discusión interesante. Preguntei polo panorama da literatura portuguesa a un libreiro veterano e contestoume que había dous mundos. «Dunha banda está a literatura oficial», explicou, «na que están os nomes de sempre, dicindo o de sempre. Son os que o Estado leva sempre ás feiras internacionais e promociona, todos señores e señoras maduros».
Segundo me ían contando sobre a situación literaria, funme decatando dunha cousa interesante: se cadra na literatura galega, contra os tópicos que moita xente non moi informada defende, sucede o contrario.
Polo xeral, a cultura galega morre pola xente nova, e faille ocos e espazos á mínima. Se cadra ás veces por demais, tamén. Isto pasa na creación artística, como a literatura ou a música, pero tamén sucede noutros ámbitos ben distintos. A universidade, coa súa pirámide laboral, non conta nisto, claro: falo da cultura no seu sentido máis creativo ou filantrópico.
Os motivos disto son longos de explicar, pero esta fascinación pola xente nova ten cousas boas e malas. As malas é que lles podes cortar a necesaria fermentación creativa a base de institucionalizalos e metelos nun circuíto de charlas de instituto, se non teñen carácter abondo para resistir. A exposición pública cárgaa o demo.
As boas? Moitas máis. En poucos países, polo feito de teres talento e apostares por unha cultura e unha lingua, vas ter unha rede social de complicidades e afectos tan grande e proactiva. E quen non quere ter cómplices cando tes toda a ambición do mundo?