Referencia internacional

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

O Barbanza é, con diferenza, un dos territorios galegos mellor estudados e desde hai máis anos

29 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha prestixiosa revista científica internacional chamada Remote Sensing 12, investigadores publicaron onte un importante artigo propoñendo un método para mellorar o uso da intelixencia artificial na detección de xacementos arqueolóxicos.

 Aínda que se levan facendo probas con algoritmos desde hai uns anos, o certo é que nun territorio denso e complexo coma o noroeste hai moitos casos de «falsos positivos», é dicir, de alteracións do terreo que parecen mámoas ou castros pero non o son.

Para probar o seu método, os investigadores contrastaron dous territorios: o Alto Miño portugués e a península do Barbanza.

Non escolleron a comarca polas súas praias ou terrazas turísticas; fixérono porque o Barbanza é, con diferenza, un dos territorios galegos mellor estudados e desde hai máis anos, e por diferentes espertos e grupos no ámbito da arqueoloxía. Así que dispuñan de moita información contrastada na que basearse.

Todo ese traballo de décadas fai, entón, que a comarca siga estando conectada con tendencias tecnolóxicas tan punteiras a nivel mundial como o uso de intelixencia artificial en arqueoloxía. E non é a primeira vez que pasa.

A pregunta entón é que podemos facer nós, desde a comarca, para aproveitar toda esa información e prestixio como un beneficio que vaia alén dos especialistas e chegue á propia veciñanza. Tamén que podemos facer para o futuro.

Hai proxectos ambiciosos que agora mesmo están moi parados e moitas ideas novas por pensar e poñer a proba. Pero hai que querer.