É quen nos axuda a dar os primeiros alentos de vida
01 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A pesares de que o refrán diga que con pan e viño ándase o camiño, o leite é quen nos axuda a dar os primeiros alentos de vida, e tamén, por curiosa casualidade, é o alimento preferido da ancianidade, como se con el se cerrase o círculo vital durante o que formou parte da nosa dieta, xa sexa combinando con outros produtos ou en forma de queixo e iogures.
Os mesmos mitos contan que cando naceu Zeus, para apartalo da furia de Cronos, afeito a devorar ós propios fillos por medo a que o destronasen, súa nai deixouno ó coidado dunha cabuxa, quen o aleitou ata que o cativo puido valerse por si mesmo.
O leite foi un dos alimentos máis venerados dende antigo. Os exipcios tiñan en Hathor a unha deusa, con cabeza de vaca, a quen consideraban nai de todos os faraóns, e na relixión cristiá, unha das imaxes máis populares é a da Virxe María aleitando ó Neno, cuxa festividade se celebra en setembro, unha imaxe idéntica á da deusa exipcia Isis co seu fillo Horus sentado no colo e mamando do seu peito, o cal demostra a importancia que se lle daba a latencia xa dende tempos antigos. Incluso din que a tumba de Osiris, o deus despezado e arroxado ó Nilo, que a súa esposa Isis puido recuperar, cachiño a cachiño, tiña 365 altares onde sempre había leite. Sen embargo, gregos e romanos non tiñan moito aprecio por el en forma líquida, aínda que si apreciaban todo tipo de queixos.
E se ben é considerado un alimento imprescindíbel, tamén se lle negaba a quen non era querido, como se nos conta no mito da formación da Vía Láctea, o noso Camiño de Santiago, cando a todopoderosa Hera estaba descansando e alguén lle aproximou o pequeno Hércules ó seu peito, quen se puxo a mamar con tanta forza que espertou á deusa, e esta, ó ver que quen estaba chuchando da súa teta era un dos fillos ventureiros do seu promiscuo esposo, arrincouno de si con tanta forza que o peito seguiu esparexendo o leite polo ceo.
Da súa importancia como alimento nutricional temos un exemplo no museo etnográfico da Fonsagrada, onde se conserva un curioso amuleto que as mulleres da zona usaban mentres tiñan crianzas que aleitar. Trátase dunha bolsa de coiro que as mulleres colgaban ó pescozo co fin de atraer o leite ás mamas durante a lactación, e cando a muller quería que a crianza fose aprendendo a tomar outros alimentos, colgábanse esas bolsas para as costas, na crenza de que así o leite retirábase ou deixaba de fluír. Ó preguntar que había dentro delas para facilitar o remedio, soubemos que só eran uns pelouros brancos impregnados de leite materno.
Pola súa importancia como alimento, o primeiro de xuño é, por decisión da FAO (organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) o día do leite.
Os do meu tempo aínda han de lembrar aqueles vasos de leite que nos daban nas escolas, na década dos anos sesenta do pasado século, unha especie de compensación nutricional nun tempo de carencias, que os americanos, apiadados da miseria que padecíamos, nos subministraban en po para mesturar con auga e provocar algunha que outra diarrea, a troco de terreos para as súas bases militares.