Pilar Pallarés, Eva Veiga e a conexión de Luísa Villalta con Noia e Antón Avilés
BARBANZA
A nai e unha irmá da homenaxeada nas Letras Galegas asistiron á presentación do libro «Así vou eu, formando parte»
03 jun 2024 . Actualizado a las 14:16 h.«Luísa, alá onde estea, estará moi emocionada e moi agradecida polo voso traballo e polo voso agarimo cara a ela e a toda a súa familia», sinalou Susana Villalta, irmá da escritora, violinista e filóloga á que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. E así falaba dirixíndose a dúas persoas que teñen moito en común coa poetisa coruñesa, Pilar Pallarés e Eva Veiga, autoras do libro Así vou eu, formando parte, unha antoloxía sobre a obra da homenaxeada, traballo que empezou a facerse antes incluso de que se soubera que o 2024 ía ser dedicado a Luísa Villalta, como confirmaron as dúas escritoras.
O encontro produciuse no transcurso do acto mensual da Asociación Cultural Barbantia que tivo por escenario a vila de Noia, concretamente a Sociedade Liceo, onde un privilexiado grupo de persoas asistiron a unha lección maxistral arredor da poesía e, por medio desta, da vida mesma de Villalta.
Pallarés e Veiga abondaron sobre a obra e a creadora coa paixón de quen tivo a oportunidade de coñecer ambas, compartir publicacións, recitais e momentos indelebles coa persoa da que se fala e, ademais, as tres son grandes poetas, o que lle permitiu ás autoras do libro afondar na obra escrita de Villalta, e a través dela, nunha persoa que semella que foi excepcional. Debullaron a poesía de Villalta por fóra e polo máis profundo, esa parte que só quen é poeta ou especialista literario percibe e comprende.
Poesía difícil
Eva Veiga e Pilar Pallarés, de forma minuciosa e moi precisa, sinalaron que a poesía de Luísa Villalta non é fácil e que a autora era consciente desa complicación, polo que ela mesma escribía os limiares dos seus libros co obxecto de explicar os versos. Pallarés advertiu que para comprender a poesía de Villalta é necesario ler toda a súa obra por orde cronolóxica, e que incluso ela mesma, cando o editor lle propuxo facer o libro Así vou eu, formando parte, pediu que «nesta viaxe» a acompañara Eva Veiga, froito da cal é «esta antoloxía, que non é unha obra fácil e cuxa lectura require un esforzo».
Pilar Pallarés explicou que Luísa Villalta non tivo o recoñecemento dos críticos, pero si dos poetas galegos contemporáneos, e vinte anos despois do seu falecemento, o Días das Letras Galegas veulle facer xustiza. Pallarés lembrou que na poesía da homenaxeada tivo moito que ver Antón Avilés de Taramancos, do que era amiga tanto Villalta como a propia Pallarés, e incluso lembrou un recital de poesía que ofreceron na Tasca Típica, e precisou aínda máis ao explicar a influencia que o libro do bardo noiés Última fuxida a Harar tivo na poesía de Luísa.
Pilar Pallarés fixo un percorrido pola obra publicada de Luísa Villalta e explicou a importancia da música na súa poesía, non en van ela era violinista, aínda que chegou a tomar a decisión de pasar a un segundo lugar a música para dedicarse principalmente á poesía. E aínda que ten publicada moita poesía, narrativa e teatro, hai unha man chea de creacións que aínda non viron a luz, o que dá fe de que foi unha muller moi prolífica, unha traballadora incansable.
Paixón emocionante
Se Pallarés demostrou ser unha profunda coñecedora de Luísa Villalta, Eva Veiga non foi menos, xa que falou da obra da homenaxeada, así como da propia autora e foi quen de recitar poemas dela de memoria e cunha paixón emocionante. A poeta e xornalista tomou a palabra destacando a súa emoción por atoparse na presentación con Susana Villalta e María Gómez, irmá e nai de Luísa, e rememorou momentos que pasou coa homenaxeada en Noia: «Moitos aínda lembramos presenza de Luísa aquí no Liceo, polo que é moi emocionante, estar nun lugar que lle gustaba moito».
Eva Veiga referiuse á decisión de Luísa Villalta de apostar pola poesía en detrimento da música: «Deixou a música profesionalmente para dedicarse con toda a entrega á escrita, o que revela o carácter de entrega e compromiso de Luísa con todo». Porén, Veiga asegurou que non abandonou a música totalmente, senón que o que fixo foi levala a outro lugar: «Ao lugar primeiro, onde música e palabra formaron unha unidade, o canto. Ela dinos que calquera que fose a orixe de todo o universo, o único seguro é que houbo un ruído, o ruído é efecto da vibración da materia e a vibración é a materia nun tempo e nun espazo determinado. A vibración é o movemento periódico desa materia, se aplicamos unha intención e un sentido á vibración temos xa a música, pero temos tamén a palabra, e ela lémbranos que a maioría dos mitos da creación do universo teñen que ver co son».
Por outra parte, Eva Veiga asegurou que Luísa Villalta sabía que a súa poesía era esixente, porque o seu traballo tamén o era e ela era esixente consigo mesma: «É un acto de xenerosidade absoluta, ese traballo tan serio, tan comprometido coa escrita para dárnolo moi elaborado, danos toda a súa viaxe explicatoria, o que é dunha xenerosidade absoluta, e fai os prefacios, os prólogos, para que non nos perdamos, pero esíxenos».
Previamente, a presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco, presentou aos integrantes da mesa e fixo un repaso pola biografía e a obra de Pilar Pallarés e Eva Veiga, agradecendo a colaboración do Liceo de Noia, cuxo presidente Óscar Prego deu a benvida e expresou a satisfacción da entidade porque se elixira para a presentación dun libro, un fito cultural que é motivo de alegría.
Despois de que Pallarés e Veiga recitaran unhas poesías de Luísa Villalta, pechou o acto o alcalde de Noia, Santiago Freire, destacando o nivel das escritoras do libro que se presentaba e augurando que dentro dunhas décadas quizais elas sexan tamén protagonistas nun 17 de maio.