A barbancesa que supervisou aos actores de «Mareas vivas», «Fariña» e «O caso Asunta»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A asesora lingüística Rosa Moledo velou nestas e noutras moitas producións audiovisuais porque o galego empregado fora o correcto

02 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un idioma que non é maioritario e que mesmo correu o risco de desaparecer en determinados períodos da historia precisa ser coidado e mimado. Para iso é fundamental promover o seu uso, pero tamén garantir que se fale axeitadamente a través das pantallas, unha das canles de difusión máis importantes. No caso do galego, hai unha barbancesa que se encarga da súa protección: Rosa Moledo Maneiro (Mazaricos, 1969). Leva nada menos que tres décadas asesorando e supervisando sesións de dobraxe, rodaxes e ensaios teatrais, tratando de garantir que os actores facen un correcto galego.

A lingua das bolboretas, Os luns ao sol, O lapis do carpinteiro, O noso último verán en Escocia, Mareas vivas, Fariña, El caso Asunta... Os guións que pasaron polas mans da veciña de Mazaricos son incontables. O seu intenso currículo comezou a cobrar forma cando estaba estudando na escola de idiomas, onde coñeceu á actriz Patricia de Lorenzo: «Ela empezaba no teatro daquela e na dobraxe. Comentoume que precisaban alguén para traducir unha película do francés e alá fun».

A paixón que desde nena sentía polos idiomas xa a levara a pensar no eido da tradución como opción profesional no pasado, pero a carencia dunha facultade desta rama en Galicia fixéralle desbotala. Pero cando rematou a formación en inglés, francés e galego, dito centro universitario xa abrira as súas portas en Vigo, así que cara alá dirixiu os seus pasos. Tamén alí conseguiu compaxinar os estudos co traballo nun estudo de dobraxe, supervisando as sesións, ata que o seu corpo dixo basta: «Facía xornadas da mañá á noite, quedei saturada e decidín parar».

Mudou de idea cando lle ofreceron participar na gravación de A familia Pita: «Era unha experiencia distinta, porque eu ía estar nun plató de rodaxe». E Rosa Moledo entrou nun mundo que a segue a ter cativada hoxe. Nunca esquecerá ter formado parte de Mareas vivas: «Tiven que facer un labor de investigación importante, pero moitos coñecementos véñenme de serie por ter nacido en Mazaricos, por ser galegofalante e galegomamante como digo eu». Sente un cariño especial por esta serie e polo equipo que a fixo posible: «Alí todos sumaban, con esforzo e ilusión». Tivo ocasión de rememoralo, en parte, con Fariña: «Foron dous proxectos moi intensos». Como potente foi, máis recentemente, O caso Asunta: «Foi, pola temática, máis duro, pero igual de bonito, procurando en todo momento facer o traballo con cariño e respecto».

Atrancos, manías e preferencias

Nesta longa traxectoria, Rosa Moledo tamén se atopou con algún que outro atranco. «Penso que o máis complicado foron as telenovelas turcas. Traducín dúas e dixen: ‘Nunca máis’», recoñece.

Ao longo das tres décadas que leva exercendo de anxo da garda do galego, a veciña de Mazaricos foi testemuña da evolución do idioma neste tempo: «Teño días de derrota absoluta e outros de esperanza. Polo menos, a xente coa que me fun atopando tiña moi boa actitude, sendo consciente das súas carencias». Recoñece que, aparte da colocación incorrecta dos pronomes, hai dous erros que non é quen de aturar: «Que se diga eres no canto de es e o uso estendido da conxunción i, que só se pode empregar antes de vogal». Pola contra, asegura que sente especial predilección pola gheada e o seseo, pero dunha zona en particular: «De Mazaricos, claro, porque é suave e sibilante, ouro puro para os oídos».

Afeita a escoitar de todo, aínda hai situacións que poden sorprender a Rosa Moledo: «Un día, no parque de Santa Margarida da Coruña, había unha parella de mediana idade falando galego entre eles, e dirixíronse en castelán ao can. Ata ese estremo chegamos?». Engade que non sentiu rabia, senón tristura, como a que aflora nela cando ocorre o mesmo entre uns pais e o seu fillo: «Din que co galego non se vai a ningures, pois eu estou onde estou grazas ao galego. Porque todo suma e canto máis saibas, mellor».

A barbancesa aínda está asimilando o premio de honra que lle vén de conceder a Asociación Galega de Produtoras Independentes: «Todo recoñecemento é bonito e este, que é ao labor e á persoa, máis aínda». Non ve o galardón como un teito na súa carreira, senón como un punto e seguido para continuar con ilusión: «Síntome afortunada facendo o que fago, vendo que pensan en min, porque neste mundo apareces e desapareces con moita facilidade».