As vantaxes do sono

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

08 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O señor Sancho, o da famosa Panza con maiúscula, dicía que mentres dorme non teme, pero tampouco ten esperanza, nin traballo, nin gloria; ou sexa, unha vida tranquila e sen ambicións. El, que era home práctico, loaba o sono como a capa que todo o tapa, o manxar que quita a fame, a auga que espanta a sede, o lume que quenta o frío e a airexa que tempera a calor.

O señor Sancho éravos todo un sabio, e ás veces, vendo as noticias acórdanme as súas filosofías e danme ganas de entrar nun deses pracenteiros sonos que nos aparten do mundanal ruído, poñerme a durmir como os osos, que pasan todo o inverno sen padecer frío nin fame, para espertar cando o tempo amaine, as árbores empezan a dar froito e se abre a veda do salmón. Son as vantaxes dunha boa soneca. Cantas persoas, vivindo baixo un conflito, non quererán botarse a sonear ata que volva a cordura? Pero como non temos esa capacidade, conformámonos con botarnos na cama, apagar as luces e agardar a que, á mañá seguinte, todo se calme. Os da NASA andan traballando nisto de prolongar o sono nunha hibernación, pero de momento só conseguiron algo con uns ratos. Que maldita a graza que ós animaliños, de costumes nocturnas, lles fará que os adormezan.

A hibernación, a nós só nos dura unha noite, permítenos a comodidade de viaxar en liteira, ou con un anteface tapa-ollos, sobre un asento reclinábel, entrar aquí no autobús e espertar pola mañá no noso destino sen padecer o ron ron do vehículo. Cruzar o Atlántico coma quen vai ó bar da esquina e algún día, cando o experimento dos ratos se poida aplicar ás persoas, viaxar ata Marte en low cost, sen equipaxe de cabina, como nas películas de ciencia ficción, metido nun catre climatizado durante un tempo no que baixa a temperatura do corpo e con ela os ritmos do metabolismo adormecen, evitándonos as necesidades fisiolóxicas máis elementais, ata que nos esperten cando chegamos ó destino, relaxados ó máximo, sen gastos en comida nin bebida nin discusións co veciño de asento porque se escarranchou máis do debido ou puxo o Spotify do seu móbil a todo volume.

Así os osos, métense na súa cova a soñar cos seus anxiños cando o tempo empeza a poñerse mal. Deles aprenderon os científicos ciencia-afeccionados que, primeiro como ficción cinematográfica e agora xa como proposta de cara a futuras exploracións espaciais, se esforzan por ver as posibilidades desas viaxes interplanetarias durante as que os astronautas viaxen durmindo, para reducir os custos do billete, principalmente polo que aforrarían en mantenza, a non ser que, como os osos, ó espertar se boten a devorar todo canto atopen por diante.

Algún día, talvez, será posíbel meterte nun búnker e botar unha longa cabezadiña sen pesadelos, á espera de que deixen de caer bombas, para non padecer os conflitos, guerras, preitos ou disputas que atentan contra a paz. E ata será posíbel chegar unha mañá a Saturno sen sentir os efectos do jet lag, pero de momento conformámonos con cruzar o Atlántico nos brazos de Morfeo durante seis ou sete horas e andar logo, durante un par de días, como apampados, mentres o corpo non se adapta ó novo horario.