Marcos Martínez, presidente do Boiro: «É o momento idóneo para que alguén dea o paso e colla o club»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Martínez asegura que están orgullosos de lograr o ascenso e saldar a débeda da entidade.
Martínez asegura que están orgullosos de lograr o ascenso e saldar a débeda da entidade. MARCOS CREO

O dirixente considera que a pasada foi unha campaña histórica coa disputa da Copa do Rei e o ascenso a Terceira RFEF

12 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Boiro celebrará o venres unha asemblea extraordinaria na que os socios terán que elixir aos dirixentes do club. Será na sede da Asociación Boirense de Empresarios despois da sesión ordinaria, fixada para as 20.00 horas en primeira convocatoria e para as 20.30 en segunda, na que se presentará o balance económico e deportivo da campaña. O actual presidente, Marcos Martínez (Boiro, 1971), está á espera de saber se chegarán candidaturas, xa que o prazo pecharase este xoves ás 20.30 horas.

—A primeira pregunta é obrigada, optará novamente ao cargo?

—Se ninguén presenta unha proposta, nós continuaremos. É o momento idóneo para que alguén dea o paso e colla o club, penso que sería interesante que entrase xente nova que aporte. Considero que a idea de perpetrarse ao fronte dunha entidade non é boa. Eu xa digo que se hai cambio, axudaremos na transición de directivas en todo o que se poida.

—A súa experiencia como presidente, foi máis ou menos dura do que imaxinaba cando foi elixido?

—Atopamos o club cun resultado económico que non agardabamos. A débeda non era a que se tiña comunicado na última asemblea. A nivel persoal, houbo que multiplicar por dous o esforzo para solucionar os temas que había que arranxar. Nestes anos non houbo un equilibrio entre o económico e o deportivo, tiñamos as mans atadas.

—Pasaron moita factura estes catro anos?

—Foron catro como presidente, pero sete en total o que levamos traballando os membros da xunta directiva. Foron os máis complicados na historia do Boiro e houbo moito desgaste no día a día para facer a xestión. Agora é o momento adecuado para que teña lugar un relevo, novas ideas e novas enerxías.

—O seu obxectivo era reducir a débeda e ascender a Terceira, ambas metas cumpridas.

—Nin nos mellores soños pensabamos que iamos ser capaces de saldar a débeda antes de marchar. Grazas á Copa do Rei conseguimos amortizala. E tanto neste ano como no anterior estaba o obxectivo de subir a Terceira, que é a categoría na que consideramos que, por todo o apoio que temos, ten que estar o Boiro. Estamos moi orgullosos de acadalo e poñer a cero o contaquilómetros económico.

—Falando da campaña que acaba de rematar, parece que xa ten o seu oco na historia do club.

—Sen dúbida. Tardará en repetirse un ano como este. O logro do que estou máis contento foi o da Copa do Rei e conseguir que o partido fose en Barraña. O ascenso foi o broche, foi histórico e terán que pasar anos para que volvan coincidir estes dous acontecementos.

—E pensando na que vén, tocará moito traballo de planificación para a directiva que saia da asemblea.

—A planificación xa a iniciamos nada máis saber que xogaríamos en Terceira. A día de hoxe temos varios frontes abertos e camiño andado, porque se demoramos os pasos cara adiante e hai nova directiva, sería un lastre para ela. Queremos ser responsables á hora de configurar o equipo. Ten que ser un proxecto acorde á categoría que vamos a disputar, que é máis competitiva que a Preferente.

—Que supón para iso saber que se poder facer co problema económico xa resolto?

—Pola previsión que fixemos, o presuposto do club pode ser un 10 % superior con respecto ao de anos anteriores, para facer unha inversión máis axeitada á xente que precisamos. O que si, é que somos e seremos exhaustivos no control do gasto para non volver a cometer erros do pasado. Subir de categoría non pode por en perigo a viabilidade do proxecto.

—Con estabilidade e co apoio que ten o Boiro, non ve factible que se poida dar un salto máis de categoría nalgún momento?

—A curto prazo non. O que queremos é asentar ao Boiro na Terceira RFEF. Non quita que facendo as cousas ben se poida aspirar a xogar unha promoción de ascenso a Segunda RFEF, como fixo a Sarriana. Pero para iso ten que incrementarse o presuposto. A competición pon a cada un no seu lugar, pero hai que ser realistas e non enganar a ninguén. Barbanza, como comarca, ten potencial para pensar na Segunda RFEF, aínda que a curto prazo é moi complicado.