
Ultimamente estamos moi afeitos á difusión de noticias ou acontecementos que son falsos
18 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A maior parte de nós confundimos os termos divulgar e difundir. A segunda pódese entender como espallar, namentres a primeira é informar sobre algo certo. Segundo a RAE, difundir é espallar costumes, modas, ou mesmo informacións falsas. Unha mentira espallada moitas veces convértese en verdade, e ultimamente estamos moi afeitos á difusión de noticias ou acontecementos que son falsos, con aparencia de verdadeiros, grazas ás redes sociais, grazas a determinados medios de comunicación.
Incluso, coa chegada da prensa dixital, difúndense titulares que cando entras non teñen nada de interese. Só coa intención de provocar a lectura e conseguir likes. Non é o mesmo a divulgación, que vén sendo a posta a disposición da cidadanía de investigacións, achados, curiosidades de interese ou datos cientificamente probados.
No que atinxe ao patrimonio cultural, é moi importante divulgalo ao pobo para que saiba o legado que recibe, para que se transmita o coñecemento e xere un sentimento afectivo necesario para a súa conservación no tempo e transmisión a outras xeracións. Pola contra, a súa difusión supón a conversión dun ben cultural nun produto turístico, de consumo rápido e sen calado, un espectáculo para divertir ás masas. Sempre que o que se difunda sexa verdade, porque do contrario podemos estar terxiversando a nosa historia convertendo anécdotas ou mentiras en realidade consumida.
Dáme moito medo cando os alcaldes din que van poñer en valor un ben patrimonial para obter un produto turístico, simplemente. É como banalizar a nosa historia, que aos nativos non nos interesa.