Xente torpe

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Barrio de Kop van Zuid, en Rotterdam.
Barrio de Kop van Zuid, en Rotterdam.

É moi probable que non tropecen contigo porque son educados, non camiñan ao tolo, non levan mochila nin van mirando o móbil

25 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

calquera galego que se lle pregunte se son máis torpes os do rural ou os das cidades non dubida en sinalar á xente das aldeas como máis torpe. Nada máis afastado da realidade.

Cando camiñas por unha aldea todo o mundo para e saúdache, sempre con gran cordialidade. Seguro que che pregunta de onde es e a onde vas, ou simplemente dinche «es de aquí ou vés á festa», frase que un súper galego imprimiu nas súas modernas bolsas. É moi probable que non tropecen contigo porque son educados, non camiñan ao tolo, non levan mochila nin van mirando o móbil.

Basta pasar uns días nunha grande cidade —en Galicia non as hai— para decatarte de que os urbanitas deses conglomerados urbanos son ben torpes. Pensemos en París, Barcelona ou Nova York. Camiñan como zombis, a toda velocidade, con mochila ao lombo e mirando o móbil como se o necesitaran para respirar ou para localizar un lugar.

Tanto no metro como na propia rúa, ademais de non che saudar, non lles importa bater a mochila contra o teu corpo ou darche unha labazada involuntaria. Porque non viven, só transitan. Cando veñen de vacacións repiten a mesma rutina, xa pode ser en Muros como en Muxía. Non ven máis que o móbil e camiñan coa vista perdida. E non saúdan aínda que os encontres en lugares solitarios, aínda que só coincidas con eles a soas.

Son realmente maleducados, porque un saúdo cortés non custa cartos e non precisa Bizum. Nin sequera che falan do tempo, trivialidade propia dos ascensores. Son realmente felices os que viven en urbes de millóns de habitantes? Viven a vida ou só sobreviven experiencias? Son xente torpe.