As «talliñas» especiais

Laura Ríos
Laura Ríos A XANELA

BARBANZA

MARCOS CREO

Teño a sensación de que á xente xa non lle fai tanta ilusión acudir aos comercios buscando bos prezos

28 jun 2024 . Actualizado a las 09:18 h.

Estes días non fai falta máis que mirar aos escaparates das tendas para decatarse de que estamos en rebaixas. Blusas floreadas, sandalias de tacón e tenis deportivos locen tras os cristais co brillo especial que lles outorga o cartel vermello coa porcentaxe de desconto que teñen ao lado.

Non sei se é que unha xa non ve o mundo cos ollos de cando era nena, pero teño a sensación de que á xente xa non lle fai tanta ilusión acudir aos comercios buscando bos prezos. Penso que as opcións en liña e as súas ofertas case diarias téñennos un pouco cegados coma consumidores.

Durante anos negueime a mercar en grandes superficies co obxectivo de defender un modelo de economía máis xusto e de proximidade, pero sempre sentín que, dalgunha maneira, eu estaba excluída dese xogo. Claro, igual ao lector fáltanlle datos, pero rápido se soluciona o problema: non son unha muller precisamente delgada. Entre os moitos (e creativos) adxectivos cos que a xente me describiu ao longo da miña vida, non estivo nunca pequena.

Por iso, ano tras ano e tempada tras tempada, acercarme aos comercios da zona foi un exercicio case de castigo, unha maneira de darme unha vareada a min mesma a base: «No cariño, tallitas especiales no vendemos». Especial? Si, sempre tiven unha personalidade única, pero catalogarme de especial parecíame excesivo. Co tempo comprendín que aquelas persoas vían fóra do normal ter máis dunha 40, así que vinme abocada a mercar por internet. Agora, este corpo tan incrible, que tantas experiencias me deixa vivir, viste de tendas en liña e vai coas perniñas ao aire, que as especiais tamén temos calor.