O libro que lle dá sentido ás figuras de animais espalladas por toda Galicia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carlos L. Bernárdez e Mariño Ferro explican a simboloxía das esculturas

29 jun 2024 . Actualizado a las 13:58 h.

Foron moitos os artistas que, na época medieval, moldearon a pedra con formas de animais, tanto reais como fantásticos, para engalanar con estas figuras edificios e monumentos espallados por toda Galicia. Carlos L. Bernárdez e Xosé Ramón Mariño Ferro explican nun libro elaborado de forma conxunta o significado e a simboloxía destas esculturas. O volume, Bestiario en pedra, foi presentado no Museo do Gravado de Artes, nun acto co que a asociación Barbantia pechou o curso.

O director do centro artístico, Xoán Pastor Rodríguez, foi o encargado de abrir o encontro, referíndose ao volume publicado por Edicións Laiovento como unha obra que «permite descubrir unha cara non sempre ben entendida da nosa arte medieval, a do animalario fabuloso, unindo dous tipos de explicacións, a iconográfica e a simbólica». Tamén enxalzou a traxectoria dos autores, destacando de Bernárdez a súa faceta de comisario de varias exposicións que pasaron polo Museo do Gravado e cualificando a Mariño Ferro como un dos antropólogos máis destacados de Galicia: «Non cabe pois dúbida ningunha da importancia e rigor desta obra».

No currículo dos autores e no contido do libro incidiu María Xesús Blanco, a presidenta de Barbantia, que aproveitou para anunciar o lanzamento dun novo número, o 196, da publicación A Voz de Barbantia e tamén para lembrar que, tralo verán, a asociación volverá con outra edición, a novena, de BarbantiaRte, o encontro de creadores da comarca.

Foron os propios autores os que explicaron as súas pretensións cando lle deron forma a este bestiario. Bernárdez destacou a simboloxía das figuras, «un código moi claro de referencias que eran entendidas por todo o público», e da riqueza que neste eido existe en Galicia, enumerando as catedrais de Santiago e Ourense e la igrexa de Silleda, entre outros moitos conxuntos arquitectónicos.

Pola súa banda, Mariño Ferro referiuse aos bestiarios, «onde as fontes están xa nos clásicos e logo van pasando a outras culturas», para explicar a continuación con exemplos que o público recibiu con agrado a linguaxe, os símbolos e as metáforas que se interpretan nas pedras.

O tenente de alcalde ribeirense Vicente Mariño pechou o acto destacando, do volume, a finalidade que ten para que os lectores «comprendan o poder da imaxe na Idade Media e o seu valor simbólico». O concelleiro amosou tamén a súa satisfacción polo desenvolvemento da cita literaria nas instalacións de Artes: «Un museo é un organismo vivo, non só un depósito de arte».