A imaxe máis típica dos grupos de turistas organizados é a dunha persoa diante cun paraugas levantado. É o seu traballo e moi necesario para dirixir o rabaño de turistas e non perdelos. Un traballo moi digno, pero que ten algunhas cuestións sobre as que reflexionar. É moi distinto viaxar pola túa conta, descubrindo lugares distintos dos enlatados, investigando previamente os puntos de interese dun lugar. O turismo programado en viaxes organizadas é moi cómodo para as persoas con preguiza que queren que lles organicen as vacacións sen ter que pensar. Verán e escoitarán o mesmo que os catrocentos grupos que lles antecederon, a mesma ladaíña día tras día, o mesmo discurso.
Tralo seu regreso ás casas, seguramente esquecerán os centos de datos que lles transmitirán, e non terán experiencias únicas e singulares, personalizadas. Hai outra eiva, que non poden pararse a escoitar un músico da rúa, unha vista non programada ou unha sensación de soidade que algúns paraxes requiren para percibilos.
O que os guía ten programado cada momento das vacacións, e non se permite calquera excentricidade, das que ás veces cambian o sentido das viaxes. Un xeito distinto de viaxar que non serve para todo o mundo, hai moita xente que quere que lle programen cada día, cada hora, cada monumento, e que lles conten historia e historias que non son quen de recordar.
Teño amigos guías turísticos e o seu traballo é moi plausible, porque teñen que estudar moitos aspectos das nosas cidades, memorizalos e soltalos. Moitas veces, cando fas unha pregunta que sae do guión, quedas sen resposta.