Pura Prado: «A educación debe vir das casas, pero nos institutos débese completar e mellorar»
BARBANZA
A docente xubilouse despois de 35 anos ensinando Lingua Galega nas aulas de Ribeira, oito deles traballando como directora do instituto Número Un
07 jul 2024 . Actualizado a las 10:54 h.É común que moita xente teña claro desde pequena por onde quere que vaia o seu futuro laboral, sobre todo no momento no que comeza a ir á escola e explora cales son as aptitudes e características nas que destaca. Pura Prado dedicou a maior parte da súa vida ao ensino, unha profesión que sempre lle gustou, aínda que ela non forma parte dese grupo de persoas que posúen unha razón de peso para explicar esta elección: «Non sei por que o decidín, pero foi un camiño recto».
Nesta travesía pola docencia de 35 anos, Prado escolleu ser profesora de Lingua e Literatura Galega, e aínda que comezou dando clase no Galaxia, foi no IES Número Un de Ribeira onde desenvolvería practicamente toda a súa traxectoria como mestra. Os seus primeiros anos como educadora estiveron marcados por un certo estrés, aínda que sempre se sentiu apoiada polos seus compañeiros e pupilos: «Había moita máis xente que agora nas clases, pero tocáronme nenos moi bos. Sinto orgullo ao ver aos meus alumnos».
Tras levar xa 23 anos como docente, chegou o momento de afrontar novos retos: había que facer cambios na dirección do IES Número Un, e ela —xunto co seu equipo de compañeiros— tomou a decisión de presentarse ao cargo. «Nunca o pensara anteriormente, pero ao chegar o momento decidimos probar», confesa. Sabía que había moita diferenza entre dar clase e dirixir un instituto, pero decidiu non botarse atrás e intentar facelo o mellor posible: «Téñense máis responsabilidades como directora, pero a xente colaborou moito co meu equipo». A todo isto tamén se engadía un aliciente emocional, posto que Pura Prado naceu e creceu no concello ribeirense, e para ela foi todo un logro poder levar as rendas dun instituto na súa terra natal: «Foi un orgullo chegar a ser directora dun centro en Ribeira».
Unha das cousas que sempre tivo claro a docente na súa profesión é que, ademais de tratar de impartir conceptos básicos sobre diferentes materias aos estudantes, unha das funcións mais importantes dos mestres é transmitir valores que se poidan aplicar á vida cotiá. Para Pura Prado «a educación debe vir das casas, pero nos institutos débese completar e mellorar». Ela destaca unha serie de principios que tratou de gravar nos seus alumnos ano tras ano: «Ter respecto polos demais, a igualdade e loitar contra a violencia de xénero entre nenos».
O sistema educativo
Xa é costume que coas transicións dos responsables da educación véxanse cambios nos plans educativos. Isto foi algo que lle tocou vivir moi de cerca á ribeirense como directora, téndose que adaptar ás condicións pertinentes cada vez que fose necesario: «Creo que deberíase facer un pacto para a educación e non estar axustándose constantemente aos cambios de goberno».
O que a profesora si ve con bos ollos é ir adaptando a maneira de ensinar aos novos tempos, xa que coa implementación de dispositivos intelixentes nas aulas, xunto coas prácticas de ensinanza tradicionais, as posibilidades de aprender dos nenos increméntanse. «Non podemos cerrar os ollos, os nenos son nativos tecnolóxicos e téñense que combinar ambas cousas», afirma.
Outro aspecto ao que lle deu importancia ao longo do seu mando no IES Número Un foi ao mantemento das instalacións. Segundo ela, é vital colaborar coa consellería para conseguir que os institutos se conserven da mellor forma posible, así como o seu constante coidado: «Os centros son coma as casas da xente, hainas que ter ben adaptadas ao que vén».
A mestra ribeirense tamén loitou contra unha das cuestións máis sensibles relacionadas cos institutos, o acoso escolar. Explica que «é un dos principais problemas do sistema educativo, pero non sempre é fácil erradicalo». Moitos educadores con experiencia tiveron que facer fronte a situacións complicadas de abuso escolar entre nenos. Sen embargo, ela sempre tratou de coidar aos seus alumnos ao máximo con ensinanzas coma: «Non esquezades nunca quen sodes nin de onde sodes».