Por que aínda ningún palmeirán se presentou a presidente dos Estados Unidos de América? Newark xa está colonizado e é o momento de tomar Washington
24 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Este domingo no vermú xurdiu na Pobra un asunto que, como todas as conversas importantes da vida, tiña que chegar nalgún momento. Por que aínda ningún palmeirán se presentou a presidente dos Estados Unidos de América? Ninguén soubo dar resposta pero todos coincidían, sen fisuras, en que nada impedía o éxito da iniciativa.
Newark xa está colonizado e é o momento de tomar Washington. Cumpriría traballar un pouco aos de Milwaukee, que son abondo trumpistas, pero máis complicado sería se houbera que falar cos de Oleiros. Como no Barbanza somos xente de mundo, ninguén sinte esa necesidade tan frecuente hoxe en Galicia de botarlle a culpa a outro polo que un non fixo. Pode ser un bo plan.
Joe Biden viaxou hai uns meses á terra dos Finnegan, ancestros seus no condado de Loth, na costa irlandesa. Foi a viaxe presidencial perfecta: aínda que tiña tanto de sentimental como de económica, coa emoción das fotos na casiña e no lar ninguén atendeu ás negociacións dos cartos. Imaxínome ao presidente palmeirán, descendente de emigrantes nuarqueses, nese triunfante retorno á ría. Recepción popular no Eitón, foto na terraza do Miramar e inauguración, no alto do Castelo, dunha réplica da mítica estatua da batalla de Iwo Jima cos marines chantando a bandeira.
Se o mellor presidente norteamericano da ficción televisiva é de Ponteareas, non vexo por que o de verdade non pode tamén ser da terra. Ir, seguro que lle iría mellor que con Trump. E sempre tería onde escapar sen que ninguén lle fixera preguntas.