Pernapeladas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

CESAR QUIAN

O xeito de recoñecer se un home pasa dos corenta é mirarlle se lle cae o pelo das pernas en sentido inverso

31 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Outro día, un mozo contounos que o xeito de recoñecer se un home pasa dos corenta é mirarlle se lle cae o pelo das pernas en sentido inverso, dos nocellos para arriba. Como tal afirmación é unha gran verdade no meu caso, desde entón non deixo de mirarlle as pernas a outros corentóns a ver se lles pasa o mesmo.

Efectivamente, esa observación da xeración Z é tal que así, para que logo falen mal vostedes dos mozos e que insistan en que non se enteran do que pasa no mundo. O que non sabía aquel agudo observador vinteañeiro é que o proceso tamén sucede de forma similar desde o alto da cabeza: o pelo tende a colonizar zonas virxes e os homes, que pasamos media vida evitando mirar o espello, agora temos que aprender a estudarnos nel para mitigar a floración dese xardín —nalgúns casos xungla— que prospera coa regularidade da herba das leiras, pero sen precisar de chuvia.

As pernas peladas dos señores sempre me sorprenderon, en especial as dos funcionarios que veraneaban en Palmeira. Nada me parecía máis triste que unhas pernas pálidas e peladas e xa ven, aquí estou, competindo polo primeiro posto como funcionario, home maduro, pernapelada e veraneante. Así que xa lles digo que non penso quitar as bermudas de turista en todo agosto, a ver se polo menos reduzo a palidez de funcionario.

Tampouco vou escribir estes artigos para o xornal, nin consultar redes sociais. A case todos os efectos, será como volver aos anos 90. Por sorte, os corentóns temos a paga extra. Difícil consolo. Bo verán!