O comportamento humano, sensible a ser manexado, pola curiosidade ás veces, outras pola propia sinerxía de facer o que os demais sen reflexionar
06 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A tarde do 20 de xuño paseina camiñando por Montmartre desfrutando da arte, da música e do balbordo festivo da entrada ao verán. Ata que caeu a noite, que me decidín a tomar un metro para regresar ao hotel.
Foi no camiño ata a estación que comecei a bater con multitudes que repetían mensaxes de tipos subidos enriba de furgonetas e andeis de obras de restauración de fachadas. Non cheguei a comprender aquelas palabras curtas e contundentes que facían que miles de persoas se axitaran polas rúas ata a chegada da policía, e que se estendían en mancha de aceite polas rúas adxacentes.
Estaba claro que había axitadores que as dirixían por causas que aínda hoxe descoñezo, pero que me recordan outro tipo de condutores de masas que vemos nas propias verbenas: como a maior parte dos que están fronte á orquestra moven os brazos ou saltan guiados por alguén no palco. Sen pensar, sen motivo racional ningún, sen sentido práctico, hai grandes expertos cantantes que poden facer das masas o que lles pete.
O control e manipulación das masas está moi presente nas manifestacións e mobilizacións, pero tamén nos grandes campos de fútbol. Xente especialista en axitar ás persoas en masa para conseguir condutas, ás veces incluso reprobables, outras veces cheas de banalidade.
A quen non lle pasou de estar nunha aglomeración na que basta que un pequeno grupo comece a mirar para arriba ou sinalar algo lonxe para que todo o grupo os secunde. É o comportamento humano, sensible a ser manexado, pola curiosidade ás veces, outras pola propia sinerxía de facer o que os demais sen reflexionar.